Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo felicitará o Nadal coa postal elaborada pola nena Nuria Rey Díaz, de 7 anos

Postal  gañadora concurso Cervo 2015 (de Nuria Rey Díaz)Cervo, 3 de decembro de 2015.- O Concello de Cervo fai público o nome da gañadora do XVI Concurso de Postais de Nadal. É Nuria Rey Díaz, de 7 anos de idade e alumna do CEIP Cervo Número 1.

A concelleira de Cultura, Dolores García Caramés, explicou que Nuria Rey “é a autora dun deseño laborioso e orixinal. Trátase dunha composición en cartolina branca, adornada con materiais e motivos de Nadal. A postal de Nuria foi o deseño elixido para as postais coas que o Concello felicitará as festas e o novo ano ás institucións, organizacións e asociacións. Para iso imprimíranse exemplares, que se farán chegar por correo ordinario a estas entidades e un pequeno lote será para que a gañadora do concurso felicite o Nadal aos seus familiares e amigos”.

Dolores García engadiu que “a postal de Nuria foi a elixida para felicitar as festas, pero ademais hai tres primeiros premios por categorías: na de infantil o gañador foi Manuel Alejandro Martinez-Quelle Valcárcel; na de 6 a 9 anos, Yago Fernández Lorenzo; e na de 10 a 12 anos, Ana Álvarez Alonso. Todos eles recibirán os seus premios pero non serán os únicos, xa que todos os participantes no certame tamén recibirán agasallos”.

A edil de Cultura destaca “a moi boa a participación que houbo neste concurso, ao que se presentaron un total de 40 deseños, seguramente todos feitos con moito traballo e agarimo. Aos nenos e nenas failles ilusión que a xente poida ver os seus traballos e, sobre todo, súmase a esta época de tanta ilusión para os máis pequenos como é o Nadal”. Dolores García  anuncia que “este ano todos as obras presentadas poderanse ver na Casa da Cultura a partir do día 21 de decembro ata o 6 de xaneiro nunha exposición de postais de Nadal. Na inauguración, que terá lugar o día 21 de decembro na sala de exposicións, farase a entrega dos premios e dos agasallos a cada participante; e ademais, como novidade, catro mozas integrantes da Coral Terramar deleitarannos coas súas voces”.

Exit mobile version