Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela ofrecerá este venres unha recepción oficial á Ministra Conselleira do Consulado de Cabo Verde, Socorro Andrade

Burela, 3 de decembro de 2016.- O Concello ofrecerá unha recepción oficial á Ministra Conselleira do Consulado de Cabo Verde en Madrid, Socorro Andrade de Melo Cruz. Será este venres ás 18 horas no Salón de Plenos. Así o anunciou o alcalde de Burela, Alfredo Llano, que explicou que a acompañará un grupo de técnicos encargados de elaborar un censo electoral de cidadáns caboverdianos asentados no municipio, de cara aos comicios xerais e presidenciais de 2016.

O rexedor contou que “mañá ás 18 horas imos recibir de maneira oficial á Ministra Conselleira do Consulado da República de Cabo Verde, no Salón de Plenos. Será unha recepción oficial, un recibimento como se merece esta xente. Falaremos de varias cuestións, de todo aquilo que é importante para contarnos a nós, e nós tamén lle contaremos das nosas circunstancias aquí no Concello. Basicamente o que veñen facer aquí, e xa o están facendo dende o mes de novembro, son as labores de censo electoral feitas polo goberno de Cabo Verde a todos os membros da comunidade caboverdiana que están fóra do seu país. Veñen con ela unha serie de técnicos para elaborar un censo dos caboverdianos que están residindo en Burela”.

A delegación de Cabo Verde en Madrid permanecerá en Burela do 4 ao 6 de decembro. Angélica Gómez, a concelleira de Inmigración e Cooperación, dixo que “o venres  terá lugar unha reunión informativa coas asociacións caboverdianas (asociación cultural Tabanka, asociación cultural, recreativa e para a integración social Batuko-Tabanka e asociación recreativa, cultural para a promoción da cultura de Cabo Verde Rabentola), na que o alcalde e mais eu acompañaremos a José Belmiro Fonseca, vereador de agricultura, pecuaria e pescas da Cámara Municipal de Santa Cruz  de Cabo Verde e a Ministra-Consejera do Consulado de Cabo Verde en Madrid e Presidenta do Consello de residentes españois, Mª Socorro Andrade de Melo Cruz. Nesta reunión tratarase de coñecer a realidade dos proxectos de cooperación que existen neste municipio. E xa os días 5 e 6 de  decembro, nas instalacións do Centro de Formación Ocupacional estarán presentes Mª Socorro Andrade de Melo Cruz xunto con funcionarios do Consulado de Cabo Verde de Madrid para instalar un equipo que recollerá os datos dos caboverdianos residentes en Burela de xeito que estes estean actualizados e  poidan votar nas próximas eleccións xenerais e presidenciais do ano 2016 en Cabo Verde”.

Llano engadiu que “nos pediron xa fai días a colaboración cun espazo físico, que xa llelo temos ofrecido, e imos colaborar con eles en todo aquilo que nos soliciten, ademais das instalacións, como é normal. É un gusto e un pracer que estean aquí para intercambiar opinións e reforzar a nosa relación cos caboverdianos, porque é un pobo que leva moitos anos en Burela, están perfectamente integrados, colaboran moito co Concello e nós tamén queremos colaborar con eles”.

O alcalde indicou tamén que “quen leva o peso desta iniciativa e desta axuda con respecto a Socorro Andrade de Melo Cruz, a Ministra Conselleira do Consulado de Cabo Verde en Madrid, é a nosa concelleira de Cooperación e Inmigración, Ángelica Gómez. Así que é unha boa noticia, nós imos colaborar con eles e intentar reforzar esta relación que dende hai moito tempo tivemos, seguimos tendo e se terán no futuro con este pobo”.

Exit mobile version