Burela, 3 de decembro de 2015.- O alcalde de Burela, Alfredo Llano, informa sobre os cambios que se producirán no tráfico rodado nas inmediacións do colexio Vista Alegre a partir do 20 de decembro. O obxectivo do goberno local con estas modificacións é mellorar a seguridade na zona e facilitar o acceso ao hospital da Costa e aos aparcadoiros que hai e que haberá naquela contorna. A subida realizarase pola rúas dos Institutos e Torques e a baixada cara o Camiño Real será pola rúa Mestre Don Camilo.
O rexedor explicou que “se están a tomar medidas por unha serie de circunstancias de seguridade e de mellora, como na zona do Campón, e como vai ser agora, a partir do día 20 de decembro ao lado do colexio Vista Alegre. Nesta zona vaise cambiar o sentido da circulación. Parécenos que debe ser así, primeiro por cuestións de seguridade, para os alumnos que saen dos colexios e, segundo, para organizar e que haxa moito menos caos á hora de recoller aos rapaciños alí no colexio ou na gardería. Por outro lado, imos favorecer uns aparcamentos, tanto fronte ao IES Perdouro como fronte á gardería, para dar servizo tanto á xente que vai ao Vista Alegre e á gardería como aos usuarios do hospital. Agora mesmo son moi necesarias unha serie de prazas porque a medida que avanza o tempo complícase máis o tráfico nesa zona”.
Alfredo Llano sinalou que os cambios na zona do Vista Alegre van entrar en vigor “a partir do día 20 deste. Xa están as sinais verticais instalada, pero atópanse tapadas, porque non queremos comezar antes dese día, que é cando xa están de vacacións os rapaces no Vista Alegre. Non queremos forzar ningún caos innecesario; que se vaian acostumando os noso veciños ás sinais e vaian tomando iniciativas para que non existan problemas. Así cando se retomen as clases a xente da zona xa estará habituada a estes cambios”.
O alcalde engadiu que “logo do día 20 subirase para acceder á gardería e ao Vista Alegre pola rúa dos Institutos e rúa do Torques e baixada pola rúa Mestre don Camilo para acceder ao Camiño Real. Facémolo así por cuestións de seguridade e para evitar caos cando comece, e para facilitar os aparcamentos que se queren construír polas proximidades. Pensamos que é algo que se pode entender e avisamos con bastante tempo para os usuarios se vaian acostumando a ver as sinais”.
O Concello realizará unha planificación do tráfico rodado en Burela, unha vez que conclúan as obras de acceso ao porto.