Alfoz, 1 de decembro de 2015.- Este martes asinouse no Castelo de Castro de Ouro o Convenio entre o Concello de Alfoz e Alberto Geada Val. Con este convenio, o Concello de Alfoz, ten a intención de musealizar unha das plantas do castelo, e así proceder a difusión e exhibición de obras relativas á recuperación dos oficios tradicionais, utilizando para tal fin un espazo aberto ó público, e estando interesado en mostrar a obra de Alberto Geada, consistente en creacións de pezas artísticas baseadas na recuperación do calzado primitivo de madeira, en xeral, e das zocas, en particular. A proposta de convenio que hoxe se asina foi aprobada polo Pleno do Concello de Alfoz do pasado 23 de novembro, cos votos a favor de PSOE e VIA e a abstención do PP.
O convenio parte da cesión por parte do Concello de Alfoz dun espazo na planta segunda do Castelo de Castro de Ouro destinado a museo, onde se expoñerá a colección de Alberto Geada e onde se farán demostracións en vivo, dando a coñecer cómo se traballa coas ferramentas que se utilizaron durante séculos na elaboración do calzado.
Ademais, o concello cede un espazo na planta semisoto do castelo, no que se realizarán labores de investigación e recuperación do calzado primitivo de madeira, pequenos traballos de transformacións artísticas e en certas ocasións tamén se poderá exhibir ao publico, servindo de curiosidade en canto visión do traballo dun zoqueiro do século XXI.
Pola súa parte Alberto Geada cede a súa colección de ferramentas e pezas de calzado tradicional de madeira, que poderá ser visitada de forma gratuíta.
Así mesmo, e debido a que tanto o Concello de Alfoz como Alberto Geada Val teñen obxectivos comúns na promoción cultural e turística do Concello de Alfoz e que, polo tanto, consideran precisa unha colaboración estreita, ambas partes decidiron ampliar este convenio de xeito que Alberto Geada procederá á esponsorización da marca Alfoz, e aquelas outras marcas pertencentes as accións de promoción cultural e turística do Concello de Alfoz, en todas as demostracións e eventos nos que participe fora do Museo das Zocas de Alfoz, correrá cos gastos de promoción e ou publicidade do Museo das Zocas de Alfoz e realizará unha colección anual de pezas personalizadas a disposición do Concello de Alfoz. Ademais, coa intención de fomentar o turismo en grupo, e para que o visitante poda ter unha atención personalizada de calidade museística, Alberto Geada Val atenderá o Museo das Zocas a petición do Concello de Alfoz, nos termos expostos no citado convenio. Por estas accións de promoción turística e cultural de Alfoz, Alberto Geada Val recibirá unha contraprestación económica de 3.800 €.
A duración do convenio é de 10 anos, podendo ser prorrogado por períodos iguais a un ano, reservándose o Concello de Alfoz a potestade de anulalo pola necesidade de utilizar os espazos cedidos para o seu uso noutras actividades públicas que se consideren necesarias.
Desde o Concello de Alfoz estanse a desenrolar diferentes accións relativas á promoción turística de Alfoz, ó considerar que “o turismo é una das industrias con maior potencial na zona e nese senso Alfoz debe competir por mostrar os seus mellores atractivos para poder aumentar o número de visitantes e como consecuencia o seu desenrolo económico” destaca Xabier Pardiñas, Tenente Alcalde e responsable da Área de Cultura e Turismo da Concellería de Desenvolvemento Local.
Alberto Geada, natural de Alfoz e zoqueiro de profesión, é un dos últimos representantes do calzado primitivo en Europa e considera que “eu vexo en Alfoz futuro, apostaron por min e eu vou corresponderlles, ademais Alfoz ten un patrimonio moi importante e un gran potencial turístico polo que unidos podemos conseguir algo grande”.