A Subdelegación do Goberno convocou a xuntanza atendendo á necesidade dunha boa coordinación e dunha comunicación fluída entre as distintas administracións con competencias en materia de tráfico na provincia, non só para a prevención e o mantemento das axeitadas condicións de vialidade, senón tamén para xerar as cadeas operativas que aseguren a correcta información tanto aos propios organismos involucrados como aos usuarios das vías no tocante, por exemplo, ao estado das estradas ou á necesidade de proceder ao seu corte para favorecer a seguridade.
Os asistentes
Á xuntanza desta mañá asistiron o secretario xeral da Subdelegación do Goberno, Constantino Rodríguez; o xefe de Protección Civil e Emerxencias da Subdelegación, Juan Yáñez; o xefe provincial da Demarcación de Estradas do Estado, Héctor Presas; o xefe territorial de Infraestruturas e Vivenda da Xunta, Carlos Vila; o deputado provincial e alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández; o rexedor de As Nogais, Jesús Manuel Núñez; o de Pedrafita, José Luis Raposo; o de Cervantes, Benigno Gómez; de Abadín, José María López Rancaño; e a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia; ademais da xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero; o comandante da Garda Civil, Carlos Freire; o capitán do Subsector de Tráfico, Miguel Martínez, entre outros.
Medios estatais dispoñibles
O Estado destina nesta campaña invernal un total de 40 máquinas quitaneves para facilitar a vialidade nos 794,42 quilómetros de estradas da rede estatal na provincia de Lugo. Cóntase ademais con 9.300 toneladas de sal e 2.515.000 litros de salmoira, unhas cantidades que poden ser aumentadas ao longo da campaña en función das necesidades que vaian xurdindo.
Con estes medios, que se presentaron o pasado mes de novembro nun acto celebrado en Pedrafita do Cebreiro, preténdese manter un axeitado nivel de servizo da rede de estradas estatais durante o período comprendido entre o 1 de novembro deste ano e o 30 de abril de 2016, para garantir a seguridade dos usuarios e que a circulación sexa o máis cómoda e fluída posible en situacións de climatoloxía adversa.