Lugo, 2 de decembro de 2015.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, mantivo este mércores unha reunión cos traballadores de Medio Rural na nova sede que ocupan en Celeiro. Esta é a primeira xuntanza de traballo que mantén a delegada, na que participou tamén o xefe territorial, Ramón Losada, despois das obras de adecuación que permitiron optimizar o uso do edificio no que tamén se atopan as dependencia da consellería do Mar.
Nas últimas semanas trasladáronse ao centro os 37 traballadores de Medio Rural que ata a data estaban dispersos en tres locais diferentes de Viveiro.
Así, os traballadores da oficina agraria comarcal, da oficina veterinaria comarcal e da oficina do distrito forestal -17 en total- estaban situados na sede da Fundación Comarcal da Mariña. O punto de encontro do distrito forestal, con 18 persoas, estaba no edificio dos Xulgados, e o garaxe do distrito forestal, coas motobombas e dous condutores, estaban nun baixo situado na rúa Alonso Pérez.
Coa unificación, segundo explicou a delegada, a Xunta consigue unha maior eficiencia na prestación dos servizos aos cidadáns e un considerable aforro, ademais de ser máis operativo ao dispoñer de todos os recursos no mesmo centro.
Este edificio, situado na Avenida Gerardo Harguindey Banet, era a sede da Consellería de Mar, que continuará na planta alta, mentres que os servizos de Medio Rural instaláronse no baixo.