Site icon Crónica3.com A Mariña

A praia do Torno, en San Cibrao, recibe a bandeira Ecoplaya, que outorga a asociación Ategrus

Cervo, 1 de decembro de 2015.- A praia de O Torno, en San Cibrao, foi recoñecida co distintivo Ecoplaya, outorgado pola Asociación Técnica para la Gestión de Residuos y Medio Ambiente (Ategrus), o que a converte no primeiro areal da provincia de Lugo en contar con esta bandeira. Así o anunciaron este martes o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a concelleira de Medio Ambiente, Manuela Méndez, que se amosaron convencidos de que as praias do municipio son un dos seus grandes atractivos turísticos.

“O Concello de Cervo acaba de recibir esta semana unha noticia importante no eido do turismo, xa que conseguimos para a praia do Torno, en San Ciprián, un premio bandeira Ecoplaya, nunha reunión que outorga este tipo de galardóns que tivo lugar a finais do mes de novembro. En concreto é a asociación Ategrus, que integran entidades públicas e privadas. Moitas praias están gozando deste galardón a nivel nacional, aínda que en Galicia non hai moitas; a nosa é a primeira praia da provincia de Lugo que o ten. En Galicia hai outras, como en Nigrán, e tamén algunhas praias na Coruña, en Ortigueira e na Guarda. É un distintivo que vai no camiño de poñer en valor todos os atractivos turísticos que ten este municipio, e un deles sen dúbida ningunha son as nosas praias, en concreto esta Praia do Torno”, sinalaron o rexedor e a edil de Medio Ambiente.

Villares e Méndez engadiron que “para recibir este premio necesítase reunir unha serie de características, nas que se valora ter a Bandeira Azul, como tivemos o ano pasado. A distinción Ecoplaya vai un pouco máis adiante, pois a maiores dos distintos requisitos que se precisan para a Bandeira Azul hai outros, mesmo nas instalacións que hai que ter na praia e nos traballos que se fan de mantemento, que foi algo que valorou o xurado de Ecoplaya para darnos este galardón para a nosa praia neste próximo ano. Para nós é unha satisfacción enorme ter este galardón, nese camiño de traballar para que o noso Concello se poña en valor turisticamente. Somos un municipio que ten mar, que ten interior tamén, ríos, moitos atractivos turísticos, históricos e culturais, que poñer en valor para que a xente de fóra se achegue a visitarnos nas épocas que consideran oportunas”.

Exit mobile version