2.500 persoas na provincia están inscritas no Servizo de Intermediación Laboral de COGAMI, que ofrece emprego nas preto de 113 empresas da provincia que polo de agora se sumaron a esta iniciativa. Durante a visita, o Presidente estivo acompañado polo Deputado de Promoción Económica e Social, Álvaro Santos Ramos, e polos Presidentes de COGAMI en Galicia e Lugo, Anxo Queiruga e José Luís Lolo Celeiro.
5 traballadores co Ben Empregado
Esta colaboración da Deputación con COGAMI súmase a outras como o Ben Empregado. Pois esta programación de emprego deu traballo a 5 persoas nesta asociación, contribuíndo ao impulso da súa actividade e á inserción laboral de persoas con discapacidade física. Son un axudante de mantemento de xardinería, un profesor de actividades artísticas, un auxiliar de Enfermería, un logopeda e un fisioterapeuta.
Outras das axudas do organismo provincial a COGAMI é a cesión gratuíta dunha parcela de 1.500 metros cadrados, propiedade da Deputación, para que este colectivo amplíe os seus servizos na provincia.
COGAMI Lugo
O centro de recursos de Fingoi ocupa unha parcela de 6.500 metros cadrados, dos que 1.500 están construídos. COGAMI Lugo presta nestas instalacións servizo de apoio ás persoas con gran discapacidade física co obxectivo de fomentar a súa autonomía. Faino a través de programas de saúde, formativos, orientación e inserción laboral, información, asesoramento, lecer…, que chegan a diario a unhas 100 persoas de toda a provincia. Por exemplo, conta cunha aula de adultos para 15 usuarios e outra de formación para 30. Ten un Servizo de Intermediación Laboral e unha bolsa de emprego, na que hai inscritas 2.500 lucenses. Durante o ano pasado, logrou a inserción laboral de 384 persoas. Outro das súas prestacións son cursos para desempregados, actividades de traballo social ou a bolsa de voluntariado.