Ribadeo, 2 de decembro de 2015.- A Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Ribadeo (Acisa) ten xa lista a súa programación de Nadal, que inclúe descontos para os seus clientes na pista de xeo natural que estará instalada no parque de San Francisco a partir do 18 de decembro, a decoración dos locais comerciais asociados, a instalación dunha árbore na praciña de San Roque, un paxe real con carroza para recoller as cartas aos Reis Magos, a quinta edición da Festa do Comercio e unha campaña na hostalería local na que se repartirán 1.200 euros en premios.
Acisa e o Concello de Ribadeo traen este Nadal, entre o 18 de decembro e o 10 de xaneiro, unha pista de xeo natural ao parque San Francisco de Ribadeo e, con ese motivo, os comercios asociados entregarán aos seus clientes uns vales de desconto por compras maiores a 20 euros. Este vale, xunto ao ticket de compra, será entregado nas taquillas da pista de xeo e permitirá gozar dun desconto do 50% nas entradas, que pasarán a custar de 6 euros a 3 euros. Os tickets serán selados para que non sexa posible reutilizalos e entregarase un só vale por cada compra que supere os 20 euros, independientemente da cuantía.
Ademais, Acisa repartirá material decorativo entre os seus locais asociados coa finalidade de crear espazos de lecer agradables e cálidos en Ribadeo. Acisa colocará unha árbore de luz de 10 metros na praciña de San Roque.
Tamén nas rúas de Ribadeo poderá verse un paxe real con carroza para que os nenos poidan achegarse a el e entregarlle as súas cartas aos Reis Magos. Estarán o 26 de decembro na Avenida de Galicia, 5; o 27 na Praza 8 de Marzo; o 28 tamén na Praza 8 de marzo; o 29 na Rúa San Francisco, 2; o 30 na Rúa Virxe do Camiño, 3; o 2 de xaneiro na Rúa Reinante, 31; o 3 de xaneiro na Praza 8 de marzo e o 4 na Rúa Ramón González, 23. Todas as saídas serán entre as 16:30 e as 20:30 horas excepto as dos domingos 27 de decembro e 3 de xaneiro, que serán de mañá, en horario de 11:30 a 14:30 horas. Desde Acisa indican que “en caso de choiva a carroza suspenderá a súa saída, e o paxe trasladarase á entrada do Cine Teatro”. O paxe contará cun buzón e entre as cartas entregadas haberá un sorteo de 100 euros.
Tamén estes Nadais Acisa celebra unha nova edición da Festa do Comercio, a quinta. A cita será o 16 de xaneiro no Cine Teatro de Ribadeo ás 21 horas. Haberá premios por un importe total de 2.000 euros, con sorteos en directo de 1.500 euros en premios de 500, 400, 300, 200 e 100 euros, ademais de 500 euros non presenciales. As rifas repartiranse, trala ponte de decembro, entre a clientela do comercio local durante as festas de Nadal.
Por outra banda, Acisa terá unha campaña propia para os bares e restaurantes asociados. Realizarase un sorteo de 25 euros en cada bar, e repartiranse en total 1.200 euros. Os clientes terán que asinar cadros numerados por consumición realizada e o número coincidente coas últimas tres cifras do sorteo do Día do Neno, que se celebra o 6 de xaneiro, será o premiado.