Site icon Crónica3.com A Mariña

A Asociación de Veciños O Tesón anima a comentar nas redes sociais sobre os cortes de luz en Ribadeo

Ribadeo, 1 de novembro de 2015.- Dende hai moitos anos, en Ribadeo arrastramos a lacra dos cortes de luz. De día ou de noite, máis ou menos longos, calquera corte de luz interrompe os negocios, o traballo, o ocio, fastidia máis ou menos, pero sempre algo, os aparellos eléctricos… mentres a compañía eléctrica fai oídos xordos a reclamacións e protestas da xente, nosas.

Téñense alzado contra destes cortes voces individuais ou asociadas a través de ACISA, O Tesón, o concello… sen solución nin resposta. Todo o máis, algún comentario feito ós medios de que está todo ben, baixo os parámetros normais… sen que se poda rebater ou encarar doutro xeito porque non fixemos recollida de datos a nivel da poboación enteira, e sabemos que o sufrimos, pero non o alcance que tivo.

Pero o mesmo que cada vez os cortes son máis fastidiados porque hai máis aparellos máis sensibles que dependen da electricidade nas nosas vidas, tamén temos máis posibilidades de facer escoitar as nosas voces a través da tecnoloxía, por internet. Xa está a funcionar o haghstag #‎cortesdeluzRibadeo‬ en twitter, en facebook e noutras redes sociais para que todo o mundo poida usalo e dar conta dos fallos de luz, para ter datos para as reclamacións e facerlle ver á compañía eléctrica que hai un pobo detrás recollendo datos e protestando de xeito continuado ata lograr o obxectivo de ser tratado como xente do século XXI, non como xente do século XIX.
Se se procura por #‎cortesdeluzRibadeo‬ en facebook (https://www.facebook.com/hashtag/cortesdeluzribadeo) ou en twitter (https://twitter.com/search?q=%23cortesdeluzribadeo) polo momento atoparase pouca cousa, só exemplo do que será coa colaboración de todos; algo que de calquera xeito irá aumentando co uso.

Método:
Por favor, cando haxa algún corte de luz en Ribadeo, poñede en facebook, twitter, latri.ca, cabozo.com ou calquera outra rede social que frecuentedes o hashtag #cortesdeluzRibadeo ó comezo e logo os datos de día, hora, duración aproximada e zona afectada, para ir creando unha base de datos á que recorrer para reclamar e protestar, que haberá que facelo, seguro. Un exemplo, para reportar un corte de luz de varios segundos que ao menos se sentiu na zona da Alza o 3 de decembro de 2013 ás 20:15 da tarde:

#‎cortesdeluzRibadeo‬ 20131203 20:15 aprox. zona: Alza. duración: varios segundos

Entre todos podemos ir deixando constancia dos cortes. E tomando conciencia do que afectan a todos, non só a un comercio ou a quen estaba a subir nun ascensor. E facemos presión só con reportar que houbo o corte. Os datos estarán aí, a disposición de todos. E da compañía eléctrica, que verá a todo o pobo fronte a ela cada vez que ocorra un corte, sen esperar xa a unha protesta escrita que chegue días despois.

Exit mobile version