Site icon Crónica3.com A Mariña

Unha pancarta colga da fachada do Concello de Burela en conmemoración do 25 de novembro

Burela, 20 de novembro de 2015. Nacimos para querernos, non para mancarnos este é o slogan dos actos conmemorativos do 25 de novembro do Concello burelés. As actividades xa deron comezo hai algunhas semanas coa convocatoria do IX Concurso de Microrrelatos e do V Concurso de Lemas, asía coma a celebración de dous talleres: un sobre a violencia intrafamiliar e outro sobre muller e saúde.

Os actos seguiron este venres coa colocación dunha pancarta na fachada do Concello, que seguiron moi de preto todos @s membr@s do equipo de goberno. E mañá, sábado, ás 20.30 horas no auditorio da Casa da Cultura terá lugar a representación da obra teatral Pementeiras, unha historia de empoderamento feminino. Desde Xore Teatro explican que “Pementeiras narra a historia de dúas amigas que teñen un pensamento moi diferente da realidade social na que están inmersas. Sofía unha muller nova que ten grandes inquietudes e gañas de loitar polo seu recoñecemento persoal e profesional animándose a participar en calquera proxecto que mellora a súa situación actual. Por outro lado, Dosinda, unha muller tradicional arraiga nos valores do patriarcado que non amosa ningún interese en mellorar a súa situación social e familiar, xa que para ela as cousas sempre foron así e non deberían cambiar. Durante o desenvolvemento da obra, Sofía faille ver a Dosinda na situación que se atopa e axúdalle a iniciar un proceso de reflexión persoal que lle deparará grandes cambios, tanto no ámbito familiar como laboral”.

Ademais, segundo explica a concelleira de Servizos Sociais, Muller e Igualdade, Patricia Otero, “ao longo destes días as monitoras de Gaia e persoal do CIM explicaranlles aos alumnos e alumnas dos CEIPs de Burela a problemática da violencia de xénero”.

O groso das actividades desenvolveranse o propio 25 de novembro, día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. A edil socialista conta que “ese día colocaremos no salón de plenos un libro de firmas e opinións para que as persoas que así o desexen poidan deixar nel a súa aportación. Ao longo de toda a mañá nos CEIPs de Burela o alumnado irá deixando tamén as súas reflexións sobre a violencia de xénero nun panel cunha silueta de muller”.

Xa ás 19.30 horas haberá unha concentración na praza do Concello. E a continuación entregaranse os premios aos gañadores dos Concursos de Microrrelatos e Lemas, no salón de plenos, onde haberá unha representación do relato gañador do 2014. A xornada rematará coa lectura do manifesto contra a violencia machista.

Exit mobile version