O goberno socialista de Viveiro, por boca do Concelleiro “independente” de Economía e Facenda, o Sr. Fernández Fernández, para xustificar o tipo impositivo que se lle aplica ao Imposto sobre Bens Inmobles, manifesta: “Ni subirá ni bajará. Si no se mantienen los impuestos estamos abocados a perder prestaciones”.
O citado concelleiro coñece os Orzamentos e sabe cales son os gastos, pero tamén é consciente de que os ingresos serían suficientes cunha modificación das Ordenanzas fiscais vixentes, que non son progresivas e fan que todos os veciños e veciñas contribúan por igual ás arcas municipais.
Viveiro, 24 de novembro de 2015.- Na actualidade, estamos a padecer unha política fiscal manifestamente inxusta que amosa a nula intención do goberno municipal do PSOE de levar a cabo unha redistribución da renda das e dos habitantes do noso concello. Este goberno non debe permanecer impasible perante as necesidades económicas que están a padecer moitas familias que non poden acceder a gran cantidade de servizos públicos por falta de medios. Non é de recibo que, por exemplo, se lle aplique o mesmo tipo ás taxas municipais pola vivenda a unha familia en paro e sen ingresos que a unha cuxa retribución é de varios miles de euros ao mes.
Elaborar unhas novas Ordenanzas Fiscais Municipais é unha parte fundamental para garantir os ingresos cos que paliar as carencias que padecen moitas familias do municipio. O goberno local non pode manterse á marxe da realidade que nos toca vivir, polo que as taxas municipais deben ser proporcionais ás posibilidades económicas de cada persoa, construíndose a partir desta premisa unha verdadeira xustiza social que permitiría que quen máis ten contribuíse en maior medida garantindo así que ás persoas con menos ingresos poidan acceder aos recursos e aos servizos públicos necesarios para unha vida digna.
Desde SON VIVEIRO, propoñemos que cada familia ou unidade de convivencia, por cada membro que a compoña e non alcance o salario mínimo interprofesional quede exenta do pago de impostos, taxas e prezos públicos municipais, xa que as persoas con baixa renda deben ter dereito a que o Concello de Viveiro, por unha banda, lles facilite o acceso gratuíto aos servizos que presta, e pola outra, sexan eximidos do abono de impostos directos, mecanismo polo cal, de forma indirecta, aumentamos a súa escasa capacidade económica.
Pola contra, para compensar a perda de ingresos municipais como consecuencia das exencións tributarias propostas, a veciñanza con maior poder adquisitivo debe ser quen faga un maior esforzo á hora de contribuír aos gastos comunitarios, precisamente por ser a de maior renda.
Este sistema, de aplicación ás Ordenanzas fiscais do Concello de Viveiro, debe regular, ademais do Imposto sobre Bens Inmobles, os correspondentes a vehículos, recollida do lixo, escolas municipais, instalacións deportivas, piscina municipal, consumo de auga, etc.
Unha Ordenanza presentada polo noso Grupo no mes de agosto, aprobada por unanimidade, para a imposición dunha nova taxa pola instalación de caixeiros automáticos nas fachadas con acceso directo desde a vía pública, que debía estar aprobada antes de fin de ano para ser aplicada no vindeiro exercicio antes de someter a debate os Orzamentos correspondentes ao 2016, está aínda sen redactar, amosando a falta de interese do goberno municipal. Eses ingresos provenientes dos caixeiros, ou un imposto sobre as vivendas baleiras que os bancos posúen, tamén servirían para garantir as prestacións sociais básicas que o Sr. Fernández Fernández di querer manter.
Acceder aos servizos municipais básicos, independentemente da capacidade económica, conséguese tamén reducindo o gasto excesivo que veñen dedicando a festas e procesións, Resurrection Fest e Semana Santa entre outros; claro que cando o PSOE de Viveiro tramitou a fichaxe estrela do “independente” Sr. Fernández Fernández, pola súa traxectoria política debera saber que ía ter pouco interese en confeccionar uns Orzamentos máis xustos, malia que fosen facilmente asumibles por parte dun goberno que di ser socialista.