Site icon Crónica3.com A Mariña

Raquel Arias subliña na súa visita a Cervo que a atención sociosanitaria é un dos ámbitos de traballo máis demandados polos concellos e con mellor proxección laboral

241115 Curso Cervo 2Lugo, 24 de novembro de 2015.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, visitou este martes ao mediodía aos alumnos do curso de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais que se imparte no Concello de Cervo e que se integra no programa de accións formativas para persoas desempregadas (AFD) que financia a Xunta de Galicia.

Arias, que estivo acompañada polo alcalde do municipio, Alfonso Villares, sinalou que estes cursos “pretenden reorientar a traxectoria profesional das persoas que están en paro cara a profesións emerxentes ou con demanda”. A idea, explicou, é a de ofertar programas de formación axustados ás demandas e necesidades reais do mercado laboral para impulsar a empregabilidade dos alumnos.

Nesta liña, afirmou que o curso que se imparte en Cervo é un dos máis demandados actualmente polos concellos, posto que no ámbito da atención sociosanitaria a dependentes se están a crear cada vez máis ofertas de emprego. Así, segundo dixo, “a metade dos 28 alumnos que participaron o pasado ano nestes cursos están trabando e algúns dos de este ano farano en breve”.

Estes datos, segundo recalcou a delegada, avalan que a formación siga a ser un aspecto prioritario dentro das políticas de emprego que está a desenvolver a Xunta, dado o convencemento de que é un elemento determinante para a inserción laboral dos traballadores.

Neste senso explicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria “esforzarase” por actualizar e mellorar os programas de formación para desempregados, poñendo especial énfase nos colectivos con maiores dificultades de inserción e o menores de 30 anos con baixa cualificación porque, insistiu, “sete de cada dez galegos en paro teñen baixa cualificación ou ningunha”. “Xusto por este motivo toda a formación que se oferte dende a Xunta estará vinculada á obtención de certificados de profesionalidade” e, ademais, facilitarase a acreditación da competencia profesional que se teña adquirido pola experiencia laboral.

“E non desatenderemos a formación das persoas ocupadas”, engadiu a delegada da Xunta en Lugo, “porque deste xeito, ademais de garantir o seu posto de traballo, poderán ampliar as súas posibilidades de emprego e a calidade do mesmo”.

Exit mobile version