Site icon Crónica3.com A Mariña

Os orzamentos municipais de Cervo para o 2016 superan os 6 millóns de euros

alfonso-doloresCervo, 5 de novembro de 2015. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, deu conta este xoves do proxecto de orzamentos do Concello para o 2016, que serán presentados no pleno da corporación que se celebrará o vindeiro luns, 9 de novembro. A cantidade total supera os 6 millóns de euros e nela increméntanse respecto a este ano partidas como as de educación, deportes, cultura e servizos sociais.

“Hoxe presentamos os orzamentos do Concello de Cervo para 2016, que ascenden a unha cantidade de 6.271.062,77 euros, nivelada esta cifra tanto en ingresos como gastos. Destacamos por unha parte as partidas de fomento do emprego: unha de 120.000 euros para a formación dual; a partida que temos para Feuga, que son becas de formación para rapaces, duplicámola e pasamos a ter un total de 200.000 euros. Tamén temos partidas para manter servizos como o GES, unha partida que neste caso ascende tamén aos 200.000 euros”, detalla o rexedor cervense.

Villares tamén salienta o incremento da inversión real: “pasamos a presupostar en investimentos para o ano que vén 929.380 euros, que é triplicar a cantidade que había este ano. Desta cantidade, o 35 por cento vai ser destinado a obras de saneamento; o 30 por cento, á reparación de estradas e camiños; o 15 por cento, a mobiliario da residencia e o 20 por cento restante a investimentos en Educación, Cultura e Deportes. O orzamento de Educación tamén ten unha subida dun 21,15 por cento con respecto a este ano, destinando unha parte ao persoal da escola infantil e tamén para as axudas de transporte aos rapaces que estudan fóra do municipio. En Cultura tamén temos un incremento con respecto a este ano dun 56,30%, destinado ao aumento da partida de Xuventude e outra partida para investimentos, en concreto para a Casa da Cultura de San Ciprián. En Deportes tamén temos outra subida, en concreto dun 59 por con respecto a este ano. Por unha parte aumentamos gastos de persoal polos socorristas da piscina e queremos ir reforzando máis os seus servizos. Aumentamos tamén as axudas a entidades deportivas e temos unhas partidas importantes en investimentos para este apartado deportivo”.

O alcalde destacou ademais que “en Servizos Sociais tamén temos un incremento do 50,62 por cento con respecto a este ano. Por unha parte aumentan os gastos de persoal de axuda no fogar, porque queremos reforzar este servizo e polo tanto temos máis diñeiro para persoal, e tamén unha cantidade importante para investir no mobiliario do centro de día e residencia de maiores de San Cibrao”.

Alfonso Villares asegurou que estas contas son posibles grazas ao empeño do Concello en reducir a débeda existente: “son unhas partidas que se incrementan porque nestes catro anos pasados dedicamos a nosa política basicamente a baixar a débeda bancaria que tiña este Concello, que era forte e limitábanos á hora de facer o que estamos facendo agora: investir naqueles servizos que nós consideramos máis fundamentais. Hai que recordar que tiñamos cinco préstamos bancarios a principios deste ano e neste momento tempos unicamente dous; polo tanto a capacidade de amortización deste ano vai ser moito mellor que estes anos pasados e iso axúdanos a reforzar as partidas que temos para este ano”.

O rexedor rematou explicando que “son uns orzamentos que levaremos a pleno este luns e queremos que quedan vixentes a partir de xaneiro de 2016. Somos dos primeiros concellos que os presentamos. Estamos facendo un traballo moi importante na economía do Concello de Cervo e iso tradúcese en levar a cabo algo fundamental como é ter os orzamentos en tempo e forma e telos presentados diante dos nosos veciños cando hai que facelo para que estean funcionando a principios de xaneiro do ano 2016”.

Exit mobile version