Site icon Crónica3.com A Mariña

Olano reúnese coa Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos do Vicedo para recoller as súas propostas e inquedanzas

Lugo, 25 de novembro de 2015.- O candidato ao Congreso polo Partido Popular de Lugo, Jaime de Olano, mantivo este martes unha reunión coa Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos do Vicedo, na Casa da Cultura da localidade e no marco da rolda de xuntanzas que está a celebrar cos colectivos de comerciantes e autónomos da Mariña de cara a recoller as súas propostas e máis para analizar as accións promovidas polo Goberno central no seu beneficio.

O candidato popular explicou que a directiva da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos do Vicedo lle trasladou como propostas de mellora a necesidade de avanzar nas infraestruturas viarias da Mariña, como é o caso do Corredor da Costa; así tamén incidiron na importancia de fomentar accións correctoras ante a despoboación e o envellecemento que están as sufrir os municipios máis pequenos.

De igual xeito, na reunión a directiva da Asociación tamén fixo fincapé sobre a mellora que se está a vivir no sector do comercio, no que se aprecia un despegue, tralos peores anos da crise económica. “Durante este 2015 obtiveron resultados máis positivos, tanto a nivel vendas, como dende o punto de vista turístico”, matiza Olano.

O popular tamén analizou coa directiva as iniciativas promovidas polo Goberno central en beneficio dos comerciantes e dos autónomos. Dende o sector resaltaron o apoio que lles supuxo o Plan de Pago a Provedores xa que “eran moitas as facturas pendentes que puideron cobrar grazas a esta iniciativa do PP no executivo, ata o punto de que a nivel nacional permitiu manter máis de 400.000 postos de traballo”.

O candidato popular ao Congreso continuará a manter xuntanzas coas asociacións de comerciantes e autónomos da comarca xa que un dos compromisos firmes do Goberno central é o de continuar a desenvolver accións en beneficio destes colectivos “ao ser dos que xeran máis emprego no seu conxunto”. “O noso obxectivo é acadar no 2020 a creación de 20 millóns de postos de traballo novos e continuar así coa senda do crecemento, como se deu entre o ano 2014 e 2015 que se xeraron un millón de empregos novos”.

Exit mobile version