Ribadeo, 3 de novembro de 2015.- O prazo para participar no descanso termal, que organizan o CIM e a Concellaría de Igualdade, está aberto ata este venres, 6 de novembro, ás 12 da mañá. Polo momento hai anotadas 40 mulleres e aínda quedan 15 prazas libres. O viaxe ao spa da Casa da Auga da Coruña está previsto para o vindeiro domingo, 8 de novembro.
A novena edición dos Foros Permanentes para as Mulleres do Concello de Ribadeo volven estes días co descanso termal previsto para o domingo. Os Foros están organizados pola Concellería de Igualdade e polo Centro de Información ás Mulleres (CIM), “e con este descansos búscase promover a saúde integral das mulleres e fomentar espazos de ocio para elas”.
Polo momento, van 40 mulleres inscritas nesta actividade, que terá lugar o 8 de novembro no spa da Casa da Auga de A Coruña, cun custe de 20 euros por usuaria. O total de prazas é de 55, polo que quedan 15 aínda dispoñibles para as interesadas, que deben anotarse nas oficinas do CIM ou chamando ao número 982 120 739.
Marcha estatal contra as violencias machistas
A Concellaría de Igualdadede Ribadeo manifestou, ademais, a súa adhesión e apoio á Marcha Estatal Contra as Violencias Machistas que terá lugar o vindeiro 7 de novembro en Madrid e ao manifesto desa xornada. A Marcha, convocada polo movemento feminista, reclama, entre outras cuestións, que “a loita contra o terrorismo machista sexa unha cuestión de estado, que toda a sociedade e as súas organizacións e institucións se comprometan nesta loita e que a prevención sexa unha política prioritaria”.