“Hoxe e todos os días, as institucións e toda a sociedade no seu conxunto debemos loitar contra a violencia de xénero, para que siga sendo unha política de Estado; e aínda que unha soa vítima xa sexa demasiado, hai que recalcar que se está conseguindo reducir o número de vítimas desta lacra”, remarcou Barreiro.
O presidente popular lucense recordou que, por primeira vez en España, púxose en marcha unha Estratexia Nacional para a Erradicación da Violencia contra a Muller, para dotar ao sistema de prevención e asistencia de ferramentas máis eficaces, así como outras normas que atenden tamén ás necesidades das vítimas doutras formas de violencia e singularmente, ás vítimas de trata con fins de explotación sexual.
Neste sentido, José Manuel Barreiro puxo de manifesto que “nesta loita para protexer máis e mellor ás mulleres elaborouse o Estatuto da Vítima”. Neste recóllense os seus dereitos e garantías, amplíanse as competencias do Xuíz de Violencia sobre a Muller a delitos contra a intimidade, a propia imaxe e o honor da muller, e ademais introdúcense novos delitos no Código Penal.
Tamén, subliñou que “a loita contra este tipo execrable de violencia se sebe dar desde todos os ámbitos da sociedade, e en particular, desde as persoas máis próximas á muller maltratada, amigos, familiares, compañeiros de traballo na loita contra a violencia, para que as axuden a saír desta situación”.
Para terminar, Barreiro dixo que o Partido Popular de Lugo “quere trasladar unha mensaxe de esperanza, e desde a consideración da erradicación da violencia contra a muller como unha cuestión de Estado, co traballo conxunto de todos, administracións, institucións e forzas políticas; apoiando a quen sofre a violencia, perseguindo a quen a provoca e creando unha conciencia social de rexeitamento ao maltrato, é posible alcanzar unha sociedade libre de calquera forma de violencia contra a muller, que garanta a súa dignidade e dereitos e os dos seus fillos e fillas”.
Campaña “Controla o control”
Igualmente, o PP de Lugo, da man da súa coordinadora da Comisión Provincial da Muller, Mari Teijeiro, puxo en marcha hoxe mesmo unha campaña que, baixo o lema “Controla o Control”, busca concienciar aos máis novos para que rexeiten as novas formas de violencia de xénero que se poden producir na súa relación de parella e en ámbitos tan cotiáns como son as redes sociais.
Esta campaña do PP de Lugo busca que mozos e adolescentes da provincia sexan conscientes e saiban rexeitar todas estas formas de control e invasión do espazo persoal, que son unha forma máis de violencia de xénero. Teijeiro, que valorou de forma positiva a iniciativa da Xunta de Galicia en colaboración cos campus universitarios galegos para conectar cos mozos, afirmou que esta campaña “terá especial presenza nas redes sociais, precisamente para poder chegar tamén de xeito máis efectivo a este colectivo, dado o excesivo protagonismo que estas teñen na súa vida cotiá”.