Site icon Crónica3.com A Mariña

O pavillón Vista Alegre de Burela contará con cobertura 4G nun par de semanas aproximadamente

Burela, 4 de novembro de 2015.- O pavillón Vista Alegre contará con cobertura 4G para a retransmisión dos partidos de fútbol sala feminino e masculina, que alí se disputan. O alcalde, Alfredo Llano, agarda que esta nova sexa unha realidade nun par de semanas. Tamén dentro duns días darán comezo algunhas das obras demandas a Costas por parte do Concello burelés.

O rexedor contou que este mércores “estiven falando con responsables de Costas e aseguraron que para a semana que vén, salvo que haxa mal tempo ou calquera outra circunstancia que o impida, vamos a colocar xa o monolito no Cabo Burela, que está encargado dende hai tempo e que leva unha lenda e unha información da latitude e a lonxitude exacta do lugar onde se vai situar. É algo que lles fai moita ilusión aos xubilados do mar. No seu momento diremos o día concreto para invitar a todo o mundo que queira asistir á colocación no Cabo Burela deste monolito, que é moi esperado por moita xente”.

Llano seguiu a relatar que “por outro lado, Costas tamén vai iniciar en breve o pintado para mellorar o valado que hai no paseo marítimo, que se está estragando e necesitaba un mantemento. Vaise facer xa con urxencia para que quede listo para todo o inverno e tamén preparado para a Semana Santa e para o verán. É algo que se vai acometer inmediatamente, salvo que haxa algo que o impida, como pode ser o mal tempo. Pero temos a seguridade de que se vai facer”.

Sobre a iluminación do paseo marítimo de Burela o alcalde, Alfredo Llano, indicou que “tamén tíñamos feito unha petición para repoñer varias luces LED no paseo marítimo, que xa nos foron aportadas por Costas. Son cerca de 300 e vamos colocalas no paseo marítimo pouco a pouco co persoal de obras e servizos do Concello, concretamente cos electricistas, para facer a reposición destas luces que están estragadas e algunha nova que é necesario poñer. A mellora da iluminación no paseo marítimo era algo moi demandado, dado que hai moitos espazos que están moi escuros. Polo tanto vamos procurar que aquela xente que pasee de noite o pola mañá moi cedo teña total facilidade para poder ir polo paseo marítimo”.

E engadiu que “se vai colocar tamén unha pasarela de madeira, que xa temos feita, pero posiblemente non a instalemos ata Semana Santa ou ata o verán na praia de Ril, porque de inverno non convén tela colocada porque quedaría a mercé dos temporais. É unha pasarela que se fixo para favorecer que poidan baixar a esa praia as persoas maiores ou que teñen algún tipo de discapacidade”.

O rexedor amosouse contento “porque tíñamos solicitado á compañía telefónica un servizo de 4G para poder emitir partidos en directo dende o noso pavillón polideportivo Vista Alegre e hoxe acábanme de confirmar que en breve, ao mellor xa nun par de semanas, estarán colocados os aparellos necesarios para que se poida transmitir desde o pavillón Vista Alegre con todas as garantías e cunha cobertura total. É unha cuestión nova, que penso que vai ser moi boa, porque é unha oportunidade grandísima para favorecer a retransmisión dos partidos de Primeira División de fútbol sala que se xoguen, tanto do equipo masculino como do feminino, desde o noso pavillón. Por tanto penso que é unha boa noticia para nosoutros e tamén para os responsables do Burela Fútbol Sala. Era algo demandado, tiñámolo solicitado dende hai tempo e estábamos agardando as noticias. E hoxe acaban de comunicalo os responsables de Telefónica e polo tanto xa podemos dicir con toda a garantía que dentro de dúas semanas aproximadamente vai haber unha boa cobertura con esta nova tecnoloxía de 4G”.

Exit mobile version