Site icon Crónica3.com A Mariña

O Parlamento insta á Xunta, a iniciativa do Grupo Popular, a finalizar o proxecto de ampliación do Hospital da Costa

Santiago, 25 de novembro de 2015.- O Pleno do Parlamento de Galicia vén de aprobar a proposición non de lei impulsada polos deputados do Grupo Popular Jose Manuel Balseiro e Vidal Martínez-Sierra na que se establece un mandato á Xunta de Galicia para que dea continuidade ao proxecto e actuacións de ampliación do Hospital da Costa contempladas no seu Plan Director.

O Grupo Popular busca con esta iniciativa dar o impulso definitivo a este ambicioso proceso que, como lembrou Balseiro, “comezou tralo acceso ao Goberno da Xunta do Partido Popular, froito dun compromiso directo do seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, e dos cargos populares da Mariña, conscientes da importancia de levar adiante a modernización do centro tras case 30 anos de funcionamento”.

Balseiro explicou que, a longo dos últimos sete anos, “a Xunta veu dando pasos decisivos para acometer este ambicioso e complexo proxecto” e, deste xeito, ten impulsado a revisión do seu plan funcional, a elaboración dun novo plan director do centro e, máis recentemente, licitado o proxecto técnico para acometer a obra de remodelación e ampliación do hospital, polo que se interesaron ata once empresas construtoras e tan só resta, unha vez valoradas as ofertas, a adxudicación.

Unha oposición desleal co Hospital
“En tempos de dificultade fixemos o que o bipartito nin soubo, nin quixo facer en tempos de bonanza. Este foi un proxecto no que sempre cremos desde o Partido Popular e no que non deixamos de traballar durante todos estes anos, pese a que nunca contamos co apoio da oposición obsesionada en facer política partidista coa sanidade”, dixo Balseiro.

De feito, a iniciativa plenaria foi aprobada grazas á maioría absoluta do Grupo Popular pero sen o apoio dos grupos da oposición que, segundo Balseiro, “nunca foron leais co Hospital da Mariña lucense e volven a darlle ás costas, unha vez máis, ao negar o seu voto favorable para impulsar un proxecto en cuxa necesidade polo menos todos hoxe din coincidir”.

Balseiro tamén quixo aclarar, ante a desconfianza dos partidos da oposición manifestada a través das súas emendas, que a ampliación do Hospital da Costa dispón dun respaldo orzamentario “firme e suficiente” como amosan os máis de 1,8 millóns de euros que as contas autonómicas de 2016 inclúen para o inicio dos traballos. E máis, a propia Xunta autorizaba unha disposición dun crédito de 12,8 millóns de euros en favor da Axencia Galega de Infraestruturas, que se investirían progresivamente conforme á planificación das obras que estableceron os técnicos que elaboraron o plan director.

“Socialistas e nacionalistas non deben enganar aos veciños, non é cuestión de consignar máis cartos, o proxecto está en marcha e as partidas son suficientes para acometer os traballos que, segundo estableceron os técnicos, se executarán durante tres anualidades”, apuntou o deputado popular. Ademais, lembrou que o plan director establece un prazo de execución de 31 meses (3 para proxectar as obras e 28 meses para executalas), “considerado como óptimo polos técnicos, porque o obxectivo e facer compatible a execución dos traballos coa continuidade da actividade do hospital, que non se pechará durante as obras, funcionando con plena operatividade”.

Non se perdeu un só servizo, gañáronse
Tamén replicou Balseiro outras das críticas da oposición, á quen volveu a retar a que puxeran un só exemplo de servizo que se perdera nestes últimos sete anos no Hospital da Costa. De feito, asegurou que “produciuse todo o contrario, porque o Goberno galego leva investidos 2,2 millóns de euros desde 2009 en obras e novas prestacións no hospital, moitas delas vinculadas á entrada en funcionamento da estrutura de xestión integrada, que non supuxo a desaparición da area sanitaria da Mariña senón a súa potenciación”.

Entre estas novas obras e servizos, Balseiro lembrou a posta en marcha do sala de tratamentos de quimioterapia para enfermos de cancro (que no seu momento o PSOE non apoiou cando o PP reclamou a súa creación no Parlamento); o novo servizo de hospitalización a domicilio (que recentemente ampliou o seu cadro de persoal) ou obras como as levadas adiante na planta de maternidade (remodelada na súa integridade), cuberta, arquivos e rampla, a remodelación de urxencias, os novos ecógrafos (para cardioloxía, xinecoloxía e radioloxía), a segunda sala de endoscopias, a renovación dos quirófanos, a nova unidade de retina en oftalmoloxía, a segunda consulta de rehabilitación, a dotación de tecnoloxía laparoscópica para uroloxía, a creación da unidade fixa de seguimento do cancro de mama e a renovación dos equipos de anestesia, entre outros.

Exit mobile version