4 de novembro de 2015.- O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente acordou, tralas conversacións mantidas con representantes da Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (ACERGA), a cesión de 500 toneladas de xurelo a cambio de 500 toneladas de xarda asignada á flota xestionada por ACERGA. Con este cambio de cotas poderase reabrir as pesquerías de xurelo tanto na zona norte (zona 8c) como na zona sur de Galicia (zona 9a).
O Ministerio decidiu autorizar este cambio de cotas, para permitir a volta á actividade dunha flota que permanecía parada, por esgotamento da súa cota de xurelo e para maximizar, deste xeito, o uso da cota española de xurelo.
Ademais, conséguese un beneficio xeral, xa que a contrapartida de cota, as 500 toneladas de xarda non capturadas por esta flota, utilizarase para reducir a sanción de xarda á que está sometida a flota española por sobrepescas en 2009 e 2010, repercutindo este beneficio en toda a flota do Cantábrico e Noroeste, que dispoñerá de máis posibilidades de pesca para o ano próximo.
Así mesmo, e tal e como se confirmou na reunión do pasado 23 de outubro con representantes de ACERGA, unha vez finalizada a campaña de pesca deste ano, e logo da aplicación do Plan de xestión para os barcos dos censos do Caladeiro Cantábrico Noroeste, durante os anos 2014 e 2015, procederase a convocar a todos os actores involucrados (diferentes sectores e Comunidades Autónomas), para valorar a eficacia das medidas contempladas no mencionado Plan.
Con esta medida, o Ministerio persegue a utilización óptima de todas as posibilidades de pesca asignadas a España e o seu pleno consumo, e para iso buscará o máximo consenso naquelas medidas a adoptar para mellorar este aproveitamento de cotas.