Lugo, 21 de novembro de 2015.- A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, denuncia a parálise que vive a Deputación dende fai un mes e medio, polo que lle esíxelle ao Goberno bipartito que traballe e dea solucións aos problemas dos lucenses. “Estase ante un desgoberno provincial sen precedentes na historia da democracia, resultado dun bipartito que se atopa centrado, en exclusiva, nos seus problemas internos”, censura.
A voceira dos populares fixo referencia aos dous órganos colexiados de toma de decisións e de aprobación de asuntos de interese, o Pleno e a Xunta de Goberno, cuxo funcionamento se atopa entorpecido polos socialistas e os nacionalistas “incapaces de tomar decisións ou de promover asuntos que respondan ás demandas dos veciños, mentres recollen firmas para dar unha imaxe de normalidade que ninguén cre”.
En concreto, Candia puxo como exemplo que “por primeira vez, dende que son deputada, para esta sesión non se celebran comisións informativas e, polo tanto, estamos ante o primeiro Pleno no que non se presentan para a súa aprobación asuntos da xestión de Goberno. Os únicos puntos incluídos na orde do día son as mocións ou propostas políticas e os informes económicos trimestrais que realiza o departamento correspondente, de xeito rutinario”. Amais, a popular lembra que os nacionalistas e os socialistas seguen sen avanzar nos orzamentos da institución para o próximo ano, incumprindo con creces o prazo establecido na Lei Reguladora de Facendas Locais (15 de outubro), para presentar ao Pleno as contas para 2016.
Unha parálise xeral
A mesma situación de parálise se da nas Xuntas de Goberno xa que, segundo critica Candia, os principais acordos que adoptou o bipartito durante o seu primeiro mes e medio foron para deixar sen efecto resolucións e acordos do anterior Goberno popular. A voceira citou que paralizaron, por exemplo, o proxecto de iluminación do paseo do Río Rato, de grande interese para os veciños, ou a posta en marcha dun portal da transparencia en convenio cos concellos. “Estamos ante unha clara mostra da parálise do Goberno do PSOE e do BNG e da súa falta dun proxecto político que desenvolver en beneficio da provincia e dos seus cidadáns, xa que empregan o seu tempo en intentar, sen éxito, resolver as súas liortas internas”, precisa.
Investimentos do PP fronte a parálise do bipartito
Os datos contrapoñen a xestión do bipartito coa do Partido Popular na Deputación de Lugo, que durante o seu primeiro mes de Goberno continuou co funcionamento da administración dentro da normalidade, ademais de aprobar importantes actuacións de interese para a provincia, como son o incremento en medio millón de euros do SAF Básico, o financiamento íntegro do servizo de teleasistencia domiciliaria ou a aprobación de subvencións con colectivos sociais, que ascenderon a 291.200 euros.
Polo tanto, “esixímoslles que traballen, que cumpran coas súas responsabilidades de Goberno, co seu deber de dar resposta ás necesidades dos veciños”, reitera a popular, quen lles urxe “que deixen de denigrar a imaxe institución, e atendan aos cidadáns e aos problemas dos lucenses que demandan unha administración pública que desenvolva as súas funcións”.