Lugo 24 de novembro de 2015.- O Grupo Provincial do Partido Popular considera alarmantes as explicacións que deu o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, sobre as supostas irregularidades nas que puido incorrer o socialista na construción da súa vivenda.
O PP preguntoulle pola presunta existencia dun informe municipal que corrobora as supostas irregularidades na súa casa, tal e como recolleron onte os medios de comunicación.
O presidente respondeu literalmente:
“Pódense considerar certas (…) Son certas, pero non se preocupe que se teño que rectificar algunha cousa se os medios técnicos do Concello mo din serei o máis interesado en facelo”.
Os populares presentaron este martes unha pregunta en pleno tras facerse público a través dos medios de comunicación dun informe técnico que corrobora que a vivenda de Campos non cumpre coas distancias marcadas por lei e, aínda que habita nela dende fai anos, o presidente da Deputación e alcalde da Pontenova solicitou a licenza de primeira ocupación fai apenas un mes.
O PP mostra a súa preocupación porque este feito puidera terse dado ao ser o rexedor o que ten que velar polo cumprimento das licenzas que se outorguen desde o Goberno local. A escasa resposta dos socialistas, segundo os populares, deixa entrever máis incertezas que o presidente debería aclarar e máis tendo en conta a responsabilidade que ocupa, xa que puido aproveitarse dun cargo para non cumprir coa normativa existente.
Fundación CREA
O PP preguntou ademais qué ten previsto facer o Goberno provincial cos sentenza que anula o acordo da Xunta de Goberno sobre a subvención á Fundación CREA por importe de máis de 970.000 euros para a dotación de contidos de aulas de interpretación da natureza e a participación en redes de intercambio de experiencias. A voceira do PP na Deputación, Elena Candia, considera “insuficientes” as explicacións ofrecidas polo presidente provincial habida conta do importe da axuda e do descoñecemento da situación que xa lle fora debidamente comunicada á institución.
“Semella estar moi pouco documentado sobre un tema de tanta importancia”, censura a popular.