Foz, 24 de novembro de 2015.- O próximo mércores será o Pleno ordinario da Corporación Municipal no Concello de Foz.
Na quenda de exposición de mocións o BNG defenderá tres temas ben importantes para a veciñanza.
As dúas primeiras mocións serán defendidas por Teresa.
“En Foz estamos á espera da aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal desde xa fai algúns anos, é necesario que os veciños e as veciñas coñezan canto antes as respostas ás súas alegacións” dixo Rego en referencia a unha das mocións máis importantes que se tratarán o mércores.
A penúltima proposta das nacionalistas ten que ver co estado lamentable da rede viaria das parroquias. Para solucionar o problema de comunicación e de seguridade que sofren moit@s veciñ@s o BNG instará ás autoridades competentes (Concello, Xunta, Deputación) a que procedan á reparación dos desperfectos e ó adecentamento desta rede viaria.
Lorena, no punto doce da orde do día, solicitará que o goberno do Concello de Foz repare o tellado do pavillón de Marzán, reparando as goteiras e outros desperfectos; que trate as humidades do chan e das paredes; que mellore os accesos ao recinto municipal e que repare e acondicione os vestiarios. “Dado que o deporte de base en Foz é moi importante e xunta a centos de persoas de todas as idades o pavillón Municipal de Marzán debe estar nunhas condicións óptimas”, declarou Seivane.
Para rematar Lorena e Teresa formularán tres rogos e tres preguntas.
Ademais, no Pleno, trataranse temas tan importantes como a delegación das facultades de xestión, liquidación, recadación e inspección tributaria na Deputación Provincial de Lugo. Esta proposta de alcaldía achega un informe de intervención, solicitado nunha das primeiras xuntanzas desta nova corporación. E o proxecto de humanización, o impulso comercial das rúas xerais (Álvaro Cunqueiro e Avenida da Mariña) e o financiamento destas obras ocuparán outra quenda de debate.