Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG chama a atención no 25N sobre “o feminicidio que se produce diante dos nosos ollos”

A Mariña, 24 de novembro de 2015. O Bloque Nacionalista Galego na Mariña aproveita a data institucionalizada do 25 de novembro, día contra a violencia machista, para facer unha “chamada de atención a toda a sociedade sobre a necesidade de denunciar e combater publicamente e todos os días a lacra social que supón a violencia machista e o feminicidio existente a día de hoxe e que non se combate coa firmeza que require.”

Para a formación nacionalista, “máis alá das declaracións ou actos puntuais que se poidan realizar en torno ao 25N, é preciso introducir a loita contra a violencia machista na axenda diaria de todas as institucións, converténdoa en traballo prioritario de todos os gobernos, ata ser quen de acabar con ela”, afirma a responsable comarcal Ana Ermida.

“É preciso traballar todos o días na erradicación das desigualdades entre mulleres e homes desde as institucións, máis tamén involucrando e creando consciencia social desde as persoas máis novas ás máis vellas. Este é un problema de toda a sociedade e só tomándoo como tal, se poderá erradicar”, aseguran.

Desde o BNG aseguran que “é moito máis importante o traballo diario, de coeducación na igualdade que aparecer nunha acta simbólica con minutos de silencio ou declaracións institucionais baleiras que non se traducen en traballo a prol desta loita.”

Apoio a actos reivindicativos no 25N
O BNG comarcal sumarase aos actos reivindicativos que haxa na comarca e poñen en valor “actos como a cadea humana que organiza o concello de Ribadeo no que se conxuga a reivindicación da data coa culminación dun traballo diario que se vén facendo desde hai anos neste ámbito co obxectivo de facer traballo de sensibilización e prevención tanto nos centros de ensino como no conxunto da poboación”, declara Ana Ermida.

“Non é só o valor simbólico desta cadea humana”, continúa, “senón que o seu valor multiplícase pola implicación social de veciñas e veciños e, especialmente, dos centros de ensino, cos que se traballa a diario nun tema crucial para lograr unha sociedade igualitaria e sen violencia.”

“Este é o camiño que teñen que seguir as institucións e cómpre poñelo en valor como medio para concienciar a sociedade”, afirman.

As propostas do BNG: Visibilizar, denunciar, erradicar
Desde o BNG vense desenvolvendo unha intensa campaña sobre a necesidade de implicar ás institucións nunha loita diaria contra esta lacra, nun ano no que en Galiza foron asasinadas 5 mulleres e dúas nenas.

Segundo a formación nacionalista, é fundamental “concienciar e educar para que a sociedade se decate de que estamos asistindo a un verdadeiro feminicidio”. A campaña do BNG, que leva por lema Feminicidio: visibilizar, denunciar e erradicar,pretende visualizar a violencia machista, denunciar a insuficiencia de medios en particular nos xulgados especializados, e incrementar a conciencia cidadán contra esta lacra social.

Ademais da campaña, o Bloque formula propostas concretas que defenderá no Parlamento Galego, buscando o apoio das outras forzas políticas.

En primeiro lugar, propón incluír o termo “feminicidio” en toda a lexislación contra a violencia de xénero, é dicir, “o asasinato de mulleres por ser mulleres”, sen distingos entre o ámbito (doméstico ou público) no que se exerza esa violencia, ou a persoa (parella, ex parella ou calquera outra) que exerza esa violencia. Demanda dos partidos que inclúan esta cuestión nos seus programas electorais de cara ao 20D.

En segundo lugar, o Bloque aposta por poder actuar en defensa dunha muller agredida poñendo todos os medios a súa disposición para protexela e axudala sen necesidade de que haxa denuncia previa da vítima, considerando suficiente un informe dos servizos sociais.

Como terceira medida concreta, a formación nacionalista propón aprobar un estatuto específico para as vítimas de feminicidio elaborado coa colaboración de mulleres expertas en todos os ámbitos da loita contra a violencia machista, que sexa referendado polo Parlamento.

Exit mobile version