Foz, 5 de novembro de 2015. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, asegura que os problemas políticos entre os socios de goberno da Deputación Provincial de Lugo están atrasando a aprobación provisional do PXOM de Foz, que está pendente exclusivamente da sinatura dun informe por parte do deputado delegado de Obras. O rexedor reclama ao goberno provincial que se poña a funcionar dunha vez con seriedade.
“Dende o Concello de Foz queremos expresar o noso descontento coa Deputación de Lugo, concretamente coa Delegación de Vías e Obras, á que lle compete o informe definitivo do organismo provincial sobre o Plan Xeral de Foz. Está moi avanzado o documento, tan avanzado que todas as administracións xa cumpriron co seu deber e manifestaron xa os seus informes definitivos ao Plan Xeral de Foz, estando todos corrixidos. Soamente falta o da Deputación, que estaba practicamente resolto e informado polo técnico correspondente de forma positiva ás peticións do goberno de Foz e dos redactores e está pendente da sinatura do delegado de Obras, que a día de hoxe parece ser que non aparece pola oficina da Deputación e por iso ese informe está pendente de asinar”, acusou o alcalde.
Castiñeira asegura que outras administracións xa enviaron os seus respectivos informes: “en contraposición, os informes de Estradas da Xunta de Galicia, que chegaron xa hai varios días, os de Carreteras del Estado, de Fomento, que chegaron tamén hai varios días, e os informes de Portos, tamén da Xunta, que eran os que quedaban logo de facer as modificacións que solicitaran. Pedímoslle á Deputación que deixe os problemas políticos a un lado e comece a funcionar dunha vez porque está prexudicando aos concellos en temas tan importantes como é a aprobación dun Plan Xeral. Logo o Partido Socialista e o BNG nos plenos de Foz preguntan polo Plan Xeral, cando son os mesmos socialistas e o BNG os que están por outro lado parando a tramitación. Pedimos dilixencia, seriedade e que inmediatamente se conteste e se asine ese informe que está enriba da mesa do Delegado de Vías e Obras da Deputación de Lugo”.