O rexedor explicou que respecto á nova EDAR “é ben sabido que o Concello de Foz deu un paso importante respecto ao emprazamento para a nova depuradora, que ten o apoio maioritario da corporación, e queríamos falar co novo director de Augas de Galicia e coa propia conselleira para que o anteproxecto para esa instalación se realice o antes posible. Vai ser a base do proxecto real para a próxima construción da depuradora e polo tanto queremos que se inicie o antes posible para poder ter datos suficientes para que a comisión especial que se vai formar para tratar os asuntos referidos á nova depuradora poida avaliar ese novo proxecto. Estamos contentos porque hai un compromiso de máxima urxencia para a elaboración dese anteproxecto de depuradora para Foz”.
Javier Castiñeira comentou ademais que con respecto ao PXOM “tamén se deron pasos importantes, posto que nas próximas semanas levaremos ao pleno a aprobación provisional deste documento e as alegacións, se así o decide a corporación. E a partir de aí, no caso de que sexa aprobado, quedará o último trámite, que é a aprobación definitiva por parte de Urbanismo. E o queremos é que a Xunta tamén lle dea a máxima urxencia, unha vez aprobado provisionalmente no Concello, posto que é un documento moi traballado tecnicamente, que cumpre con todos os informes sectoriais das máis de 30 administracións que traballaron sobre o Plan Xeral de Foz, que está ben elaborado polos redactores. Polo tanto queremos que canto antes se tramite na Dirección Xeral de Urbanismo e que o PXOM de Foz poida estar aprobado definitivamente no primeiro semestre do 2016. Sería un reto importante”.
O alcalde de Foz tamén falou con Beatriz Mato do saneamento na parroquia de San Acisclo: “queremos que se aborde antes de que remate esta lexislatura da Xunta de Galicia o saneamento de San Acisclo, que é unha das poucas parroquias nas que queda por rematar a segunda fase do saneamento e polo tanto queremos ese compromiso por parte da Consellería para tratar de facer esa obra durante o ano que vén”.
Castiñeira rematou comentando que a reunión coa conselleira de Medio Ambiente “foi moi produtiva e esperemos que no ano 2016 esta Consellería teña o máximo compromiso co concello de Foz, por dela dependen asuntos tan importantes como os que acabo de citar”.