Barreiros, 24 de novembro de 2015. O alcalde, Alfonso Fuente, e o seu avogado defensor, Luís Rego, acollen con sorpresa a petición da fiscalía de dous anos de cárcere e dez de inhabilitación para o rexedor por presunta prevaricación urbanística na concesión de 45 licenzas no ano 2006.
Rego demostrou este martes “a sorpresa que nos levamos porque, nós que estamos acudidos na causa desde o ano 2010, decatámonos do escrito de acusación polos medios. Non temos ningunha comunicación xudicial oficial sobre este asunto. É rechamante e non nos parece correcta a forma de proceder”.
A defensa de Fuente Parga e os concelleiros de Barreiros sinalan que “nesta causa hai un precedente xa: que dous xuíces de instrución, os de Mondoñedo, non viron indicio delituoso algún neste procedemento e ordenaron o arquivo e sobreseimento da causa, que logo ordenou reabrir a Audiencia Provincial. Non estamos ante un tema tan claro como aparenta o Ministerio Fiscal senón que ao contrario, é un asunto que presenta moitos indicios evidentes de inexistencia de infracción penal”.
Luís Rego explicou que “hai unha solicitude pola nosa banda, do alcalde e resto de concelleiros, de acumulación dun procedemento que se segue ante o mesmo xulgado de instrución número 1 de Mondoñedo (Dilixencias Previas 193/2011) contra a anterior secretaria municipal, María Antonia Martínez Barcia, por delitos nin máis nin menos que de prevaricación urbanística e de cohecho, é dicir de cobrar cantidades de diñeiro a cambio de facer informes xurídicos para licenzas. Solicítase esta acumulación porque eses dous delitos que se lle imputan á anterior secretaria refírense a dúas das 45 licenzas que son obxecto do presente procedemento. O fundamento da nosa solicitude é que se evalúen e se depuren todas as responsabilidades, que os meus representados en ningún caso se negaron a iso e quixeron actuar con absoluta transparencia, pero tráianse ao xuízo a todos os intervintes no outorgamento da concesión desas licenzas, algo que parece de libro. Isto negóusenos nunha ocasión e agora volvemos insistir e a semana pasada presentamos unha nova solicitude de acumulación”.
O letrado advirte de que si non se acumulan séguense dous procedementos distintos, un contra a anterior secretaria e outros funcionarios, en concreto unha funcionaria da Xunta de Galicia, e contra o representante legal de Promociones Irmáns Sobral. E que se sigan dous procedementos distintos pode dar lugar a que se dea a paradoxa de que haxa sentenzas contradictorias e que se produza o que en dereito se coñece como a división da continencia da causa; é dicir, un procedemento que versa sobre os mesmos feitos ha de seguirse conxuntamente. Obviamente se estamos falando desas dúas licenzas e estamos poñendo en cuestión o comportamento dos que fan a concesión desas licenzas e do arquitecto que elabora o informe técnico parece lóxico que si o informe xurídico está posto en dúbida pola existencia dunha acusación por prevaricación e nin máis nin menos que cohecho parece lóxico que todo se vexa dentro do mesmo procedemento”.
O avogado do alcalde barreirense e dos cinco concelleiros e ex edís que integraban a xunta de goberno que concedeu 45 licenzas urbanísticas en Barreiros destaca “o convencemento absoluto da inocencia do alcalde e do resto de concelleiros. O único que fixeron foi someterse e seguir o criterio técnico e xurídico dos técnicos do Concello, da arquitecta e da secretaria”. E insistiu en que “solicitaremos que a secretaria sexa enxuiciada dentro deste procedemento para evitar que haxa posibles contradicións e que se produzan desaxustes no funcionamento procesal, sobre todo se tomamos en consideración que o ministerio fiscal se basea practicamente en exclusiva no testemuño da secretaria. Xurídicamente non cabe outra que incorporala. A secretaria debe entrar dentro deste procedemento dadas as sospeitas e os indicios que existen sobre a súa actuación na emisión de informes xurídicos dentro destas 45 licenzas”.
Pola súa banda, o alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, asegura “ter a conciencia tranquila. Nós fixemos o correcto, dado que non podiamos ir en contra de informes municipais. O que non entendemos é que a anterior secretaria municipal non estea en leste mesmo proceso, algo que solicitamos fai tan só uns días”. Fuente Parga di: “temos clara a nosa inocencia e así o probaremos, do mesmo xeito que xa fixemos en Mondoñedo, onde non houbo nin sequera xuízo. Se agora ten que haber xuízo na Audiencia, alí probaremos a nosa inocencia”.