Site icon Crónica3.com A Mariña

O 14 de decembro haberá pleno ordinario da Mancomunidade de Municipios da Mariña, o primeiro con Alfredo Llano como presidente

A Mariña, 30 de novembro de 2015.- O 14 de decembro haberá pleno ordinario da Mancomunidade de Municipios da Mariña lucense, o primeiro con Alfredo Llano como presidente. Será no Valadouro, segundo el mesmo deu a coñecer este luns.

O presidente da Mancomunidade contou que “o 14 de decembro imos facer o primeiro pleno ordinario da Mancomunidade Municipios da Mariña. Somos 16 concellos, todos, os que estamos integrados na Mancomunidade. Imos facer este primeiro pleno no Valadouro e facémolo cun sistema rotativo de circulación polos Concellos. Cada pleno realizarse nun Concello diferente para que todos se sintan representados e protagonistas un día polo menos, ofrécense para facelos e desta vez vaille tocar ao Valadouro”.

Alfredo Llano dixo: “temos unha orde do día bastante extensa, imos intentar impulsar os nosos Concellos tanto no aspecto industrial como turístico, no seu conxunto, para ver A Mariña de Lugo como algo singular dentro das súas características, que todos os municipios se sintan partícipes e protagonistas. A miña intención é traballar para que todos se sintan representados e mimados no seu desenvolvemento. Penso que se todos os Concellos da Mariña van ben individualmente, imos ir moi ben. Polo tanto, o pleno vai levar unha serie de puntos de cara a buscar solucións para que a comarca da Mariña se desenvolva no seu conxunto, non de maneira separada cada concello, senón que todos xuntos podamos ir ao unísono e cara arriba”.

Éxito do Mes da Maxia
O Mes da Maxia, organizado pola propia Mancomunidade, foi un gran éxito segundo Alfredo Llano: “foi un rotundo éxito este cuarto Mes da Maxia, unha actividade que programa e activa a Mancomunidade para dar unha fórmula co obxectivo de sacar á xente das casas e que se motive para ir aos restaurantes. Creo que é unha boa razón poder saír a un restaurante e ver un bo espectáculo de maxia ao mesmo tempo que se fai unha cea familiar. Nesta ultima edición o éxito foi total en todos os restaurantes. Eu tiven ocasión de ir a algún saudar aos magos e aos propietarios e, fose a onde fose, houbo un éxito total, enchéronse todos os locais, houbo agradecementos no aspecto formal, porque foron espectáculos de calidade moi bos, deron impulso ao que é o turismo e á actividade da restauración”.

Alfredo Llano considera que “no mes de novembro non hai un movemento excesivo de xente que proceda de fóra e o que hai que facer é mover o que hai na casa. Nese aspecto foi un éxito total e supoño que o repetiremos, xa veremos a fórmula, porque ao mellor ampliamos un pouco a programación na tempada baixa, que haxa máis actuacións simultáneas, que non ten por que ser soamente maxia. Pode haber outras cousas, pero hai conformidade e moita xente díxonos que estivera moi ben e imos intentar repetilo”.

Exit mobile version