Site icon Crónica3.com A Mariña

Na procura de información

Hai xa máis de tres semanas que deixei, en nome de O Tesón como entidade pero en función do acordado no grupo de defensa da illa Pancha, o seguinte escrito no concello:

“(…) Expón
Que en contestación do escrito enviado o 13 de xullo ó sr. Alcalde (entrada 2015-E-RC-8223) recibiu a pasada semana un escrito (saída 2015-S-RC-4256) no que non se respondía á petición da “copia do informe presentado polo concello á petición de Costas para a concesión do faro e illa Pancha como hotel’.

Que sabemos que outros escritos semellantes doutras entidades e persoas quedaron ben sen resposta, ben con resposta incompleta como foi sinalado na parágrafo anterior,

Que en xuntanza (da que tomou nota de xeito informal, reflectida en http://ribadeando.blogspot.com.es/2015/11/cronica-informal-sobre-umha-xuntanza.html e posteriormente reflectida pola prensa) o pasado domingo entre diversas persoas integradas no grupo de defensa da illa Pancha, acordouse solicitarlle de novo o dito informe, así como unha copia ou acceso ó expediente no concello, e / ou (de xeito complementario, non suplementario) unha entrevista previa,
Que entendemos que a situación da percepción social en torno ó tema non está a mellorar,

Que entendemos igualmente que tanto unha reforma de fachada (punto 2 do seu escrito citado) como instalacións en edificación independente (mesmo punto), ou o necesario sistema de evacuación de fecais, ou a necesidade de gardar unha distancia de 20 m coa ribeira, entre outros puntos, atentan contra a preservación debida da illa debido á súa pertenza á zona LIC e ZEPA, a máis da que consideramos indesexable cesión de lugar público e de referencia no concello para actividades privadas, mesmo despois de ter cerrado o acceso á xente do pobo á illa durante longos anos.

Que mesmo atenta e contradí á propia natureza da resolución do Consello de Ministros, detallada e delimitada en nota de prensa emitida polo Ministerio de Fomento (http://www.puertos.es/es-es/Documents/Faro_Isla_Pancha_1.pdf) onde textualmente se di “El proyecto sometido a tramitación por la Autoridad Portuaria de Ferrol San Cibrao para el uso como alojamiento en el antiguo edificio del faro de Isla Pancha (2 estancias adaptadas a la edificación existente) (…)”
Que necesitamos información para dirixir e avaliar de xeito conveniente a nosa propia actuación,
Polo que solicitamos
– o informe enviado polo concello a petición de Costas
– copia ou acceso ó expediente que poda manter o concello sobre a concesión do faro
– entrevistarnos con vde á maior brevidade posible para tratar sobre o tema.”

Como se pode observar, o tema xa ten historia. E máis aínda da que recolle o escrito, pois a comezos de xuño xa había peticións semellantes no concello.

E, tres semanas despois, segue sen haber resposta.

A falta de resposta fai que moita xente teña como seguro que dende o concello se está a apoiar a privatización temporal do faro. É unha máis das cousas a considerar sobre o tema.

O grupo que nos opoñemos a dita privatización non vemos claro moitas cousas. Como que a desidia na atención da administración en relación á illa se converta nun desfacerse do ‘problema’, interferindo a xestión pública dun faro coa privada da illa na que se atopa, por un módico prezo e sen procurar alternativas (na realidade, respecto a algunhas posibilidades, case sen permitilas). Ou que o seu peche para evitar que a xente pase (quizais para evitar destrozos, ou accidentes) se converta nunha invitación ó pase para consumir. Ou que se a illa é privilexiada e conservada precisamente por restricións ó uso da zona na que se atopa, se saque partido dese privilexio do que goza eliminando restricións.

E mentres, o tempo pasa.

Antonio Gregorio Montes.

Exit mobile version