Site icon Crónica3.com A Mariña

Muras homenaxea a Antía Cal, murense, mestra e fundadora do colexio Rosalía de Castro en Vigo

Muras, 26 de novembro de 2015. “A veciñanza do concello de Muras e a propia Antía Cal, serán protagonistas principais dos actos organizados polo Concello de Muras coa colaboración do Observatorio da Mariña pola Igualdade, nunha homenaxe sentida a esta perito mercantil, filósofa, xeógrafa e sobre todo mestra con letras maiúsculas xa que esta foi a súa gran paixón”. Os actos comezarán este sábado 28 de novembro ás 10.30 coa descuberta pola propia Antía – Tita do Mesón – como a coñece a veciñanza local, dunha placa elaborada por Cerámicas de Sargadelos no colexio que pasará a levar o seu nome. O concello, segundo afirmou a 1ª Tte. de Alcalde a nacionalista Belen Chao, faralle entrega do título de filla adoptiva de Muras ás 11.00 horas no local social, onde tamén se presentará unha unidade didáctica sobre a súa vida e unha mesa redonda titulada “Educar Iguais” na que participarán Antón Costa Rico e Aurora Marco amais da veciñanza do concello.

Para Belen Chao Ramil, concelleira de Educación e Cultura e 1ª Tte. da alcaldía, “con este acto queremos devolver a Antía o cariño co que sempre tratou a Muras, Tita do Mesón non naceu aquí polo feito de que seus proxenitores tiveran que emigrar á Habana como por desgraza, como hoxe emigran moitos mozos e mozas galegas, mais isto non lle fixo esquecer nunca a súa procedencia, nin antes de volver nin despois de formarse, cando se desprazou a vivir fora do concello para desenvolver a súa extensa e exitosa vida profesional.”

A nacionalista Belén Chao insistiu en que “o goberno municipal quere que Antía e a veciñanza de Muras sexan principais protagonistas dos actos previstos para este sábado”. “Somos conscientes de que van ser moitas as persoas que veñan de fora do concello porque Antía é persoa moi coñecida e querida, mais a estima que lle ten ela ao concello onde medrou desde que volveu de Cuba aos nove anos, e o cariño que lle ten a xente de aquí fan que queiramos converter á xente do noso concello en principais protagonistas do evento porque ela é a que ao fin rende homenaxe á súa veciña Atía”, afirmou Chao.

A concelleira agradeceu o cariño e a boa acollida que tivo esta iniciativa na propia Antía Cal, tamén entre a veciñanza do concello, “para nós é un orgullo contar en Muras cunha veciña coa talla intelectual, ética e profesional de Antía Cal, que soubo a pesar dos atrancos da ditadura franquista, ofrecer á sociedade coa fundación do colexio Rosalía de Castro de Vigo, unha referencia no ámbito pedagóxico e de valores que van desde o feminismo ate o galeguismo cun modelo que en nada se parecía ao do ensino oficial da época”. Na mesma liña, Belén Chao, “tamén quixo agradecer a colaboración do Observatorio da Mariña pola Igualdade polo seu traballo desinteresado coa organización da mesa redonda onde participarán Antón Costa Rico e Aurora Marco e a unidade didáctica que servirá para que as crianzas nos centros de ensino coñezan a vida e traballo de Antía Cal”.

Por último, quixo desculparse pola imposibilidade para seguir admitido as numerosas reservas para o xantar – homenaxe en Casa Cándida no Viveiró, “foi imposíbel atender as múltiples reservas por falta de espazo”.

SÁBADO 28 DE NOVEMBRO
· 10:30: No colexio de Muras. Descuberta da placa co nome de Antía Cal no colexio.

· 11:00: No local Social. Presentación da unidade didáctica sobre Antía Cal realizada por Alba García Pico.

·Mesa redonda con Antón Costa Rico e Aurora Marco amais da veciñanza do concello.

· Entrega do título de filla adoptiva do concello de Muras a Antía Cal.

· Actuación de Mini e Mero.

Unha vez rematados estes actos farase un xantar – homenaxe en Casa Cándida no Viveiró.

Exit mobile version