A marcha, encabezada cunha pancarta co lema Para querer, quérete, partiu ás once e media da mañá do IES de Foz co alumnado deste centro e representantes dos colectivos de mulleres focenses, Afammer e Asociación de Amas de Casa de Foz, así como de todos os grupos da corporación municipal. Na praza Salgado Toimil sumouse o alumnado do colexio O Pilar e na avenida da Mariña, á altura do parque Martínez Otero, incorporouse alumnado do colexio Martínez Otero. Ao longo do camiño sumáronse outras persoas e representantes doutros colectivos, como a Asociación Asistencial Virxe do Carme ou a de Viúvas Pilar Otero, simbolizando a suma de esforzos na loita contra a violencia de xénero.
O percorrido, encabezado polas representantes das asociacións de mulleres, rematou diante da Casa do Concello, e unha vez alí alumnos dos centros participantes leron manifestos contra a violencia de xénero, incidindo na educación en igualdade. A concelleira da Muller, Mercedes González Alonso, pechou o acto agradecendo a participación de todas as persoas e animándoas a seguir traballando nesta loita.