Site icon Crónica3.com A Mariña

Lazos, charlas, teatro e proxeccións para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero en Cervo

Cervo, 20 de novembro de 2015. O Concello de Cervo, a través da Delegación de Igualdade que dirixe Pilar Armada, súmase aos actos do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero con diversas actividades que terán lugar os días 25 e 28 deste mes baixo o lema “Hai saída á violencia de xénero”.

A conmemoración comeza o propio día 25 co reparto de lazos na Casa do Concello, na Casa do Mar e na Casa da Cultura de San Cibrao. Colgaranse tamén lazos conmemorativos nas fachadas dos inmobles que albergan as institucións do Concello de Cervo.

O día 28 de novembro ás 18.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de San Cibrao, a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña levará ao escenario a obra teatral O cazo de Sabela. A representación irá seguida ás 18.30 horas da charla Violencia de xénero: orixe e perspectiva, impartida por Reyes Quelle, da Asociación de Mulleres de San Ciprián.

Ás 19.00 horas lerase a carta gañadora do concurso Carta a un maltratador, convocado polo Concello, e ás 19.15 horas proxectaranse unha serie de audiovisuais baixo o título Que pensamos sobre a violencia de xénero en Cervo?, que son un conxunto de spots que abordan este asunto e unha breve reflexión dos nenos e nenas do municipio.
Ás 19.40 horas farase unha lectura en grupo de frases en contra da violencia de xénero. Ademais, na entrada farase un mural coas mans, proxectadas con pintura, de todos os asistentes e tomarase unha fotografía en grupo cunhas mans simbólicas a favor de todas as mulleres maltratadas.

Nas actividades colaboran a Asociación de Mulleres de San Ciprián e a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña.

Exit mobile version