Site icon Crónica3.com A Mariña

FRUGA considera que o Ministerio de Agricultura segue a crear confusión coas axudas de minimis para as granxas lácteas galega

Lugo, a 20 de novembro de 2015.- En datas pasadas o Ministerio de Agricultura Alimentación e Medio Ambiente (MAGRAMA), sacaba un decreto de axudas para o sector lácteo, axudas destinadas a aportar liquidez as ganderías de leite, que se atopan nunha grave situación como consecuencia dos baixos prezos.

A convocatoria destas axudas foi un cúmulo de despropósitos dende o primeiro dia, partindo da base de que un importante número de explotacións non podía acceder a estas subvención. No primeiro decreto que se sacou de axudas, estas irían destinadas a todos aqueles gandeiros que non acadaban un prezo xusto para o leite que vendían. Este prezo fixábase en criterios sacados do RENGRATI (Rede Nacional de Granxas Típicas para o sector leiteiro), tendo en conta que cada comunidade tería prezos distintos en función das súas características produtivas.

Este decreto pronto sufriu cambios, e con data do 19 de outubro establécense os novo baremos para ter acceso a esta axuda. Que serían os seguintes:
1-Axudas de 300 vaca, para todos aqueles gandeiros con liquidacións inferiores a 0,259 euros litro durante cada un dos meses de abril, maio, xuño e xullo do 2015.
2-Axudas de 110 vaca, para todos aqueles gandeiros con liquidacións inferiores a 0,285 euros litros durante cada un dos meses de abril, maio, xuño e xullo do 2015.
A dia de hoxe vemos como este decreto volta a sufrir cambios, esperando a que no dia de hoxe o consello de ministros volva a aprobar a modificacións oportunas. Igualmente dende o Ministerio volvan a pedir un novo trámite a todos aqueles gandeiros que teñen a acceso a dita axuda.

A posta en marcha desta axuda, e a posterior tramitación estase a converter nun cúmulo de despropósitos por parte do MAGRAMA. Tendo en conta os constantes cambios que se están a producir, como consecuencia das continuas modificacións informais, xa que ningunha delas foran publicadas no BOE substituíndo a súa publicación pola publicación das mesmas na páxina web do Ministerio, podemos chegar a pensar que o que persigue o Ministerio é eliminar aqueles solicitantes que legalmente lle corresponde a axuda que non cheguen a coñecer estas constantes e confusas modificacións. Mas todo isto aínda vaise agravar mais coa publicación do novo Real Decreto que ven a derrogar o actual.

Estas axudas estanse a caracterizar pola improvisación no que respecta a súa tramitación, pedíndolle cada dia un novo tramite os gandeiros que teñen acceso a dita axuda. Vemos igualmente como os importes van a ser prorrateadas en función do número de explotacións que cobren esta axuda, baixando os importes dos 300 euros vaca e dos 110 euros vaca.

Desde FRUGA, demandamos maior seriedade na tramitación desta axuda, e que non se faga unicamente en función de criterios electoralistas propagandísticos, como se está a facer até o de agora por parte da administración central.

Exit mobile version