Barreiros, 20 de novembro de 2015. Dende o 13 de outubro e ata onte, un grupo de 22 alumnas e alumnos recibiu nocións básicas de informática, Internet, correo electrónico e Facebook, grazas aos cursos de inclusión tecnolóxica ofertados, de forma gratuíta, pola Aula CeMIT de Barreiros.
O vindeiro martes, 24 de novembro, comezará o último dos cursos que se impartirán en Barreiros neste 2015, e estará dedicado ao manexo do smartphone. As clases, tamén totalmente gratuítas, impartiranse en horario de 16.30 a 18.00 horas. As prazas son limitadas, polo que desde a Aula CeMIT animan a anotarse canto antes para poder acceder a esta formación. A reserva da matrícula pode facerse na propia Aula CeMIT ou no teléfono 639 876 671.
A posta en marcha destas actividades formativas de inclusión tecnolóxica “ten como obxectivo impulsar, potenciar e difundir, a veciñas e veciños do municipio e arredores, coñecementos nas tecnoloxías da información e da comunicación, achegando a alfabetización dixital a toda a poboación”, sinalan desde a Aula CeMIT.
Aula aberta
A Aula CeMIT non só é o centro no que se imparten os cursos anteriormente mencionados. A Aula CeMIT de Barreiros permanece aberta durante todo o ano, de luns a venres, agás festivos, de 15.00 a 21.00 horas do 15 de setembro ao 30 de xuño, e de 9.00 a 15.00 no verán. Así, os usuarios poden acceder libre e gratuitamente á utilización do equipo informático da aula, sempre co apoio e baixo a supervisión do axente TIC.