Site icon Crónica3.com A Mariña

Dous informes xurídicos independentes avalan a necesidade de presentar a documentación que require a Xunta sobre a residencia de Ribadeo

pp-informes-resi-ribadeoLugo, 20 de novembro de 2015.- Dous informes xurídicos independentes avalan a reclamación feita pola Xunta e desatendida polo Concello sobre a necesidade de que o alcalde envíe previamente á administración autonómica os informes de viabilidade e non duplicidade para que o Goberno galego poda conceder a axuda comprometida para a futura residencia.

O presidente do Partido Popular de Ribadeo e voceiro do Grupo Municipal Popular, Jesús López Penabad, acompañado dos edís populares na localidade, fixo pública este venres a existencia destes dous informes xurídicos, elaborados por letrados independentes e de probado prestixio, alleos a consideracións partidistas, e que conclúen que a Xunta de Galicia está obrigada a contar con esta documentación para xustificar a axuda económica.

“Queda claro e demostrado que a Xunta para autorizar calquera apoio na futura residencia precisa dos informes de viabilidade e non duplicidade polos que agarda xa 15 meses”, di o voceiro dos populares, quen engade que “o alcalde non pode pretender que a Xunta incumpra coa normativa que establece como obriga que previo paso á aprobación do expediente de colaboración, a Xunta debe dispoñer dos informes e debe facelo con anterioridade á autorización do gasto, como requisito previo á autorización orzamentaria”.

Ademais, o popular explicou que a lei obriga ao Goberno galego a reclamar estes informes ao tratarse dunha competencia impropia do Concello, polo que a Consellería debe sinalar a non existencia de duplicidades, e que o exercicio desta nova competencia non sexa sostible dende o punto de vista económico, ademais de acreditarse a capacidade de xestión e o xeito concreto de prestar este servizo.

Un interese real e pouco disimulado por bloquear esta colaboración
O voceiro dos populares asegurou que non entende a negativa do alcalde, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, a remitir esta documentación esixida por lei, e que, polo tanto, “demóstrase que hai un interese real e pouco disimulado por bloquear a concesión dunha axuda de medio millón de euros por parte do Goberno galego. Están a negarse en rotundo a remitir a documentación que se lles esixe por lei, fai xa 15 meses”.

López Penabad amosouse crítico ante a falta de compromiso ético do alcalde que “na súa inmensa prepotencia política discute e retorce a lei, para interpretala ao seu antollo” ao tempo que lamentou que “segue ocultando aos seus veciños o xeito no que financiará, xestionará e o custe das prazas dun centro que todo apunta a que será privatizado. Tanto o alcalde como algún dos seus títeres están empeñados en confundir ás veciñas e aos veciños, a guiarse pola estratexia da des-información”.

“Retamos ao alcalde a que fixera pública a proposta de colaboración que a Xunta remitiu ao Concello; a que fixera públicas as respostas incompletas ofrecidas desde o Concello; a que demostrase que non era certo que a Xunta agarda polos informes de viabilidade e non duplicidade desde fai 15 meses”, dixo o popular, quen engadiu que “seguimos agardando”.

Compromiso da Xunta de Galicia e do Partido Popular
O compromiso tanto da Xunta de Galicia coma do Partido Popular coa residencia “é claro e manifesto” e, neste senso, Penabad lembrou que o Goberno de Alberto Núñez Feijóo ofreceuse, por un lado, a financiar, cada ano, 40 das 47 prazas dispoñibles, a través dun concerto –que o alcalde desbotou- e, por outro lado, a achegar a fondo perdido de 500.000 euros, nun solo pago, para colaborar co custe de construción.

“Está claro que a Xunta quere colaborar con este proxecto de residencia. Así o asegurou o Grupo municipal, os nosos parlamentarios e o mesmo conselleiro de Política Social” e con esta idea de colaboración dende “o PP de Ribadeo sumámonos nun principio á Plataforma pro-residencia porque entendiamos que non podíamos estar en contra dun colectivo que se fai chamar pro-residencia, algo que todos compartimos, pero tivemos que abandonala tras comprobar que en realidade son unha plataforma pro BNG, que serven de altofalante do alcalde”, concluíu.

Exit mobile version