Site icon Crónica3.com A Mariña

Centos de persoas participaron na cadea humana, organizada polo Concello de Ribadeo, no Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

251115 Foto concentración Ribadeo 1Ribadeo, 25 de novembro de 2015. Centos de persoas saíron á rúa en Ribadeo para participar na cadea humana, que organizou a Concellaría de Igualdade, neste día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. Desde o Teatro, ata a praza de abastos e rematando no Concello foron moitos os rapaces e rapazas dos centros de ensino da vila os que acudiron a esta cita así como moitos veciños e veciñas, ademais de representantes das asociacións culturais e veciñais, do centro de saúde, de Acisa e dos partidos políticos.

Ao pé do Concello a edil Mariluz Álvarez Lastra dirixiuse aos rapaces e rapazas para dicirlles que “a mellor forma de loitar contra a violencia machista empeza pola educación e por compartir un futuro en igualdade”. Igualdade é palabra que loce na pancarta que está e estará colgada durante as vindeiras semanas no balcón da Casa do Concello. Tras a intervención da edil nacionalista gardouse un minuto de silencio polas vítimas que morreron asasinadas a mans das súas parellas ao longo deste ano e a continuación deu lectura ao manifesto do 25 de novembro.

“Queríamos tomar as rúas, por elas, por nós, porque todas, desde que nacemos estamos expostas ás múltiples violencias machistas. Só o feito de nacermos muller nos converte en suxeitos potenciais.

Porque violencia machista é percibir un salario menor que os homes.

Violencia machista é que os medios digan morta no lugar de asasinadas e que non dediquen máis de 30 segundos ás asasinadas no que vai de ano.

Violencia machista è mirar para o outro lado e non traballar por erradicala, non implicarte como cidadán, nin como profesional, nin como institución…

Violencia machista è a burocracia, negación de servizos è a vitimización que padecen as mulleres que denuncian.

Violencia machista è cando te humillan, menosprezan, rifan, chantaxean e ridiculizan.

Violencia machista é invisibilizar os feminicidios.

Violencia machista é moita da publicidade en xeral.

Violencia machista é dubidar sobre a capacidade das mulleres para entender unha explicación e desautorizalas.

Violencia machista é non compartir as responsabilidades domésticas.

Violencia machista é que cuestionen a palabra dunha muller cando denuncia unha agresión sexual… E poderíamos seguir así nomeando todas as violencias que se exercen sobre as mulleres no día a día.

E violencia machista é aquela que permite impasible que no que levamos de ano se contabilizaran 70 feminicidios e outros asasinatos a mulleres cometidos por homes. Só neste verán foron asasinadas 37 mulleres e 8 menores a mans das súas parellas, pais ou parellas das súas nais.

Asistimos a un feito que é a normalización da violencia nas nosas vidas.

O 44% das mulleres non denuncian porque pensan que a violencia que sofren non é o suficientemente grave porque pensan que è normal esa violencia nas relacións de parella.

O amor non mata: o machismo si. A fórmula é moi simple: para acabar cos feminicidios e a violencia contra as mulleres hai que rematar coa desigualdade e co machismo. Velaí o motivo desta cadea humana cidadá, o clamor popular contra o machismo e a desigualdade que na súa expresión máis grave remata coa vida das mulleres. A repulsa e tamén a dor, recordo e solidariedade coas familias desas mulleres e crianzas asasinadas nos moveron hoxe. Por iso, eliximos vestirnos de cor negra, en sinal de loito das que xa nos están. As mulleres só queremos ter o dereito a vivir unha vida libre de violencias.

A metade da humanidade ten que seguir vivindo. Non podemos permitir un asasinato máis.
Para nós esta fecha como dixemos antes ademais de ser un día de lembranza das que xa non están tamén è unha fecha reivindicativa para demandar unha solución ao terrorismo machista

E por iso, demandamos:
Que todas as instancias de goberno se comprometan realmente na prevención e erradicación das violencias machistas, así como na asistencia e reparación de todas as mulleres en situación de violencia.

Que a loita e os recursos inclúan tanto a violencia que exerce a parella ou exparella coma as agresións sexuais, o acoso sexual no ámbito laboral, a trata con fins de explotación sexual/laboral de mulleres e nenas.

Que o foco se poña na protección das afectadas, facilitando diferentes saídas que impliquen unha verdadeira recuperación vital, económica e social delas así como dos seus fillos e fillas.

Que a prevención sexa unha política prioritaria, que inclúa un sistema coeducativo en todos os ciclos, a formación específica para todo o persoal profesional que intervén nos procesos.

Que os medios de comunicación se comprometan a facer un tratamento adecuado das diferentes violencias machistas, visibilizándoas, evitando o sensacionalismo morboso no seu tratamento e empregando unha linguaxe e unhas imaxes non sexistas.

A eliminación da custodia compartida imposta e o réxime de visitas aos maltratadores condenados. A retirada e non cesión da patria potestade aos maltratadores.

Por todo iso, nesta fecha tan significativa tomamos as rúas, por elas, por nós, violencias non. Porque querémonos vivas!”.

Exit mobile version