Burela, 24 de novembro de 2015. A Concellería de Medio Ambiente súmase á Semana Europea da Prevención de Residuos, que se celebra entre 21 ao 29 de novembro, cunha programación que inclúe charlas, actividades nos centros de ensinanza e unha mesa informativa que estará situada diante da Casa da Cultura o vindeiro venres, 27 de novembro, entre as 10 e as 13 horas. O seu obxectivo é concienciar á sociedade da importancia de controlar os residuos que se producen no día a día das persoas.
“Como indica o nome, a Semana Europea da Prevención de Residuos pretende que xeremos menos residuos, un dos graves problemas da sociedade actual”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Noelia María Ben. O seu departamento ten programadas diversas actividades para estes días: “a primeira delas levouse a cabo onte cos usuarios da Fundación Eu Son e consistiu nunha charla-obradoiro centrada na redución dos residuos alimentarios. Cada cidadán arroxa ao lixo máis de 0,5 kg de alimentos á semana, o que supón que nunha familia de tres membros ao ano se desperdician máis de 78 kg de alimentos. Isto podémolo solucionar seguindo uns pequenos consellos, como facer unha lista dos alimentos que precisamos antes de ir ao supermercado, fixarnos na data de caducidade dos alimentos, conxelar a comida sobrante ou facer menús con restos de comidas. Con pequenos xestos podemos solucionar este problema, que repercute no noso peto e tamén no medio ambiente, sen mencionar a cantidade de persoas que non teñen nada que levar á boca. É, pois, unha obriga da sociedade non malgastar os recursos cos que contamos”, manifestou a edil socialista.
Ata o día 29 deste mes levaranse a cabo actividades nos diferentes centros de ensino de Burela e o venres colocarase unha mesa informativa de 10 a 13 horas nas inmediacións da Casa da Cultura.