Site icon Crónica3.com A Mariña

Armesto: “O BNG non pode falar de discriminación porque triplica o que recibe por deputado o GPP na Deputación de Lugo”

Lugo, 5 de novembro de 2015.- O vicevoceiro do Grupo Provincial Popular, Carlos Armesto, asegurou que o BNG non pode falar de discriminación porque está sobre-representado na Deputación de Lugo, xa que recibe unhas achegas por asignación económica ao grupo, gastos de salario e persoal de apoio moi superiores ás que lle corresponderían polos unicamente dous deputados que ten na Corporación Provincial. “Triplica o que recibe por deputado o Grupo Popular na Deputación de Lugo”, indicou.

Armesto dixo que o PP é coherente co criterio de reparto e, neste senso, lembrou que xa en 2011 sendo o voceiro do Grupo Popular,Jose Manuel Barreiro, os populares defenderon a necesidade dun reparto de dedicacións e persoal eventual en función da representación acadada por cada grupo político. “Pero daquela non tiñamos maioría suficiente para aprobalo. Mentres que coas emendas rexistradas no último pleno celebrado o mércores, si foi posible facelo, reducindo estes custes e facéndoos máis proporcionais, acadando un aforro global, no custe político para os lucenses de 268.700,76 euros”
 
Armesto defende que o que non tiña sentido é que o BNG con só dous deputados manteña 9 asesores e dúas dedicacións exclusivas completas. Mentres que o PP con doce deputados dispoña de tres asesores e tres dedicacións.
 
Aínda así, os populares defenden que o BNG segue sobre-representado, moi beneficiado desde o punto de vista das achegas que recibe da Deputación en concepto de asignación económica aos grupos, salarios e persoal de apoio.

Sumando estes tres conceptos, os datos son os seguintes:
 
· O PP con 12 deputados recibe un total anual de 40.715,88 euros por deputado (488.590,56 € en total)
· O BNG con 2 deputados recibe un total anual de 103.438,23 euros por deputado (206.876,46 € en total)
· O PSOE con 11 deputados recibe un total anual de 91.778,15 euros por deputado (1.009.559,7€ en total)
 
Por último, desde o GPP Armesto censurou que os nacionalistas se permitan o luxo de asegurar que unha dedicación parcial de 25.000 euros é un soldo miserable polo que din que decidiron renunciar a ela, cando hai moitos, veciños, alcaldes e concelleiros da provincia que están traballando polos seus veciños por importes moi inferiores.

Exit mobile version