Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfredo Llano reunirase o vindeiro 15 de xaneiro con José Juan Durán, presidente de Portos de Galicia, para facerlle chegar diversos asuntos de interese para Burela

Burela, 30 de novembro de 2015.- O alcalde, Alfredo Llano, reunirase co presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, o próximo 15 de xaneiro. No encontro abordaranse temas de interese para Burela como a localización da nova Edar, o uso dos terreos que están situados detrás da Capitanía Marítima ou a activación do polígono industrial do Berbés.

Alfredo Llano explicou que “o encontro vai ser o 15 de xaneiro, salvo que por algunha razón teñamos que mudalo, tanto adiantalo como retrasalo. O que imos tratar son melloras para o porto e outras que podemos aproveitar para todos os veciños de Burela, como a nova Edar. Necesitamos saber onde situala e buscar as mellores fórmulas para determinar canto espazo se pode ocupar”.

Ademais da depuradora, o alcalde tamén conversará co responsable de Portos de Galicia sobre o polígono do Berbés: “intentaremos activar o Berbés, o polígono industrial. Como vai rematar o acceso ao porto e vai culminar cunha rotonda ao lado mesmo do polígono industrial, penso que serán moi favorecidas as condicións para que moitas empresas que teñan intención de instalarse por alí o fagan con todas as garantías. É importante para Portos e para o noso pobo, como é lóxico. Logo hai unhas melloras, unhas propostas que nos fan desde porto, como é unha grúa, unha boa grúa que axude a izar embarcacións e facer manobras de carga e descarga. É unha demanda dende hai moito tempo e penso que está a punto de consolidarse”.

O alcalde de Burela engadiu que “temos a intención de aproveitar o espazo de Portos que hai detrás de Capitanía Marítima, que agora mesmo non é moi empregado, non está moito en uso, e queremos aproveitalo dun xeito efectivo para os veciños do Concello, a través dun convenio, e con ese convenio de uso poder darlle unha actividade. Pode pasar por produtos propios da pesca de Burela ou por buscar un xeito de facer unha, dúas ou tres tascas que representen o noso produto estrela ou outros como o polbo, o bonito ou a merluza, para poder vender en forma de tapeo e darlle unha singularidade a ese lugar, que teña moito que ver coa nosa condición de pobo pesqueiro. Tamén queremos aproveitar o momento para poñer en marcha no que quede desa zona un espazo público, ben para parque infantil, ben un parque que sexa cómodo e atractivo para a xente de Burela”.

Llano sinalou que “trataremos con eles tamén un tema importantísimo, como é o uso do porto exterior de San Cibrao. Queremos aproveitar a circunstancia de uso do porto e as ganancias que pode dar con respecto a todos os portos da nosa comarca da Mariña. É unha formulación antiga pero non por iso menos importante”.

Para o alcalde burelés contar cunha data para reunirse co presidente de Portos de Galicia “é unha boa noticia, agradecemos que xa marcaran unha data, institucionalmente poden contar comigo para o que sexa preciso, porque me gusta colaborar e tamén me gusta que colaboren. É unha boa noticia”.

Exit mobile version