Cervo, 20 de novembro de 2015.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, manifestou a satisfacción e a responsabilidade coa que asume a presidencia da Comisión de Medio Ambiente da Federación Española de Municipios e Provincias, órgano dende o que, asegura, defenderá o municipalismo e a idiosincrasia dos pequenos municipios galegos.
“Na última reunión que tivo a Federación Española de Municipios e Provincias fun proposto por parte do Partido Popular para ser presidente da Comisión de Medio Ambiente da Federación Española de Municipios de Provincias (FEMP). Para min é unha satisfacción e unha responsabilidade. A partir deste momento teño que seguir desenvolvendo o traballo que estiven facendo durante estes anos na defensa do municipalismo e neste caso no ámbito nacional. Agradézolle ás persoas que confiaron en min para que eu sexa quen presida esta comisión nacional”, afirmou.
Villares asegura que o nomeamento lle suporá “máis traballo e máis responsabilidade, pero sempre coa satisfacción de defender o municipalismo dende un concello pequeno dentro do que é o mapa español. Pero dende estes concellos visualízase cal é a forma de ser e a idiosincrasia de Galicia, concellos pequenos, de menos de 5.000 habitantes, e agora temos a honra de presidir unha comisión nacional desta índole”.