Site icon Crónica3.com A Mariña

Alba García e Silvia Fiallega son as gañadoras do concurso de Microrrelatos e Estefanía Castro é a premiado no concurso de Lemas do Concello de Burela

251115 Foto actos violencia Burela 2Burela, 25 de novembro de 2015.- As gañadoras da novena edición do concurso de microrrelatos convocado polo Concello de Burela para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres son Alba García García, na categoría de menores de 18 anos, e Silvia Fiallega Lorenzo, na de maiores de idade. E o lema premiado foi Desmárcate, deixa a violencia fóra de xogo, de Estefanía Castro González. Este slogan utilizarase para a campaña dos actos contra a violencia de xénero do Concello de Burela no vindeiro ano 2016.

Estes premios foron entregados esta tarde no salón de plenos da Casa do Concello, onde tamén houbo unha representación do relato gañador no concurso de microrrelatos do ano pasado. Presidiron os actos o alcalde, Alfredo Llano, e a concelleira de Muller, Patricia Otero, que estiveron acompañados por outros membros do equipo de goberno. Previamente colocouse no salón de plenos un libro de firmas e opinións, ao longo da mañá os alumnos dos Ceips de Burela deixaron as súas reflexións sobre a violencia de xénero nun panel coa silueta dunha muller e ás 19:30 horas houbo unha concentración na Praza do Concello.

Os actos remataron no salón de plenos coa lectura do seguinte manifesto contra a violencia machista:
“Un ano máis xuntámonos aquí, para conmemorar o 25 de Novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, amosando o noso firme compromiso coa erradicación de calquera tipo de discriminación que permita que esta violencia persista na nosa sociedade.

Este ano 2015 está sendo especialmente tráxico en Galicia, con 6 mulleres asasinadas no que vai de ano. O noso máis sentido recordo neste dia, para estas mulleres ás que se lles arrebatou a vida como consecuencia da violencia machista.

Estas terribles traxedias demóstrannos que por desgraza a violencia de xénero non atende a cuestións de idade, de raza, de relixión, de clase social, de posicións económicas. A violencia machista é desgraciadamente un fenómeno global. Debemos lembrar que cada día se producen asasinatos de mulleres en todo o mundo.Tamén debemos recordar que a violencia de xénero comeza a manifestarse cada vez a idades máis temperás, xa na adolescencia. E debemos ter claro que os asasinatos de mulleres son a consecuencia última da cultura machista e patriarcal que impera na nosa sociedade, no noso planeta. Porque insisto, o único delito que cometeron todas as mulleres asasinadas foi o delito de ter nacido mulleres nun mundo que as discrimina, nun mundo que en moitas facetas as segue considerando seres inferiores.

Por iso hoxe, día en que se fai unha especial lembranza deste problema, temos que reflexionar sobre as causas e as consecuencias destra gran lacra social. Previr e poñer fin á violencia exercida contra as mulleres debe ser un obxectivo prioritario e irrenunciable.

A Lei Orgánica 1/2004, de 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero e a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a Prevención e o Tratamento Integral da Violencia de Xénero, obtiveron no seu día o consenso xeral de todas as forzas políticas.

Estas leis, pioneiras en Europa e no Estado, marcaron un antes e un despois na concepción do que é violencia de xénero, xa que ambas recoñecen que estamos ante o símbolo máis brutal da desigualdade entre mulleres e homes existente na sociedade.

Supuxeron a consagración definitiva de que abordar a erradicación da violencia machista era unha prioridade e era unha cuestión pública, un deber de Estado e nesa senda, por responsabilidade, por ser unha cuestión de dereitos humanos, debemos continuar.

Todas e todos debemos loitar para que sobre os maltratadores caia todo o peso da lei, a xustiza e o rexeitamento social, pois actos dese tipo non poden de ningún xeito ter cabida nunha sociedade democrática e avanzada.
Asumamos todos os poderes do Estado e toda a sociedade ese compromiso e esa colaboración para a total desaparición da violencia de xénero. Temos que seguir avanzando na completa erradicación da violencia que se exerce contra as mulleres a través da articulación de máis medidas, máis recursos e máis coordinación.

Manteñamos o espírito de unidade e de consenso e avancemos, xuntos e xuntas, da man de toda a sociedade, cara un gran pacto que nos una para acabar coa violencia machista.

Esta é una loita que so podemos gañar, entre todos e todas, en igualdade, co firme convencemento de que un mundo mellor é posible.

Todas e todos podemos facer algo contra a violencia que sofren as mulleres. Por iso digamos ben alto, unha e mil veces, NINGUNHA MAÍS!”

Exit mobile version