Lugo, 25 de novembro de 2015.- O Deputado de Promoción Económica e Social, Álvaro Santos Ramos, xunto co Tenente de Alcalde do Concello da Pontenova, Francisco Martínez Bermúdez, presentaron este mércores no Pazo de San Marcos a IX Feira de Artesanía e Antigüidades da Pontenova, que se celebrará os días 4, 5 e 6 de decembro na localidade mariñana e que conta cunha achega provincial de 3.000 euros,coma todos os anos.
Santos Ramos sinalou que este evento “contribúe a impulsar economicamente non só ao Concello da Pontenova, senón tamén ás localidades limítrofes; xa que, con motivo do Nadal, ducias de persoas se achegan, ano a ano, a este cita a facer as súas compras. Ademais, esta cita pon en valor a riqueza do sector artesán, así como os nosos produtos, o que axuda, indiscutiblemente, a potenciar este sector e a crear riqueza”. Por outra banda, Francisco Martínez quixo agradecer “a colaboración constante da Deputación con este tipo de iniciativas, que no caso de A Pontenova, é clave para poder organizar este evento, ao que cada ano acude máis xente”.
Nesta 9ª edición participarán 30 artesáns, chegados dende toda a xeografía nacional e internacional. Haberá unha variada oferta de produtos, dende barro e coiro, ata complementos en tea, madeira e xoiería, entre outros. Ademais, a feira conta con 7 artesáns, que farán obradoiros en vivo: obradoiro de tear a cargo de Cecilia Carballo; de escultura en madeira con Jose Mª García; de forxa e obradoiro de navallas con Jose Mª Rodil; de encaixe de bolillos e pintura en tea con Aurora Rodil; de labores en tea e ganchillo con Michelle Pío; de torno con Jesús Iglesias; e de cestería en mimbre con Luisa Martínez.
Restaurantes da vila súmanse á iniciativa, colaborando con Concello e Deputación, e ofrecerán menús especiais. Trátase dos establecementos San Briz e os Mesóns O Lar de Balbina e A Mina. Ademais, adhírese á feira a Pulpería Esther de Monterroso.
Horario
A feira é gratuíta, tanto para os asistentes, como para os participantes na mesma. A apertura oficial será na pontenovesa Praza dos Fornos o venres 4 de decembro, ás 16:00 horas; a cerimonia inaugural terá lugar o mesmo día ás 20:00 horas, e o peche da feira será ás 21:00 horas. O sábado e o domingo, o horario será de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas.