Santos Ramos explicou que “unha das denuncias que fixemos durante a etapa de Candia foi a paralización de todos os proxectos que deixamos en marcha. E non mentiamos. Hoxe temos un novo exemplo. En maio, este Goberno Provincial aprobaba na Xunta de Goberno o plan “O teu talento ten premio en Lugo”. Trátase dunha das medidas do Plan de Choque coa USC mediante o cal a Deputación financia con 108.000 euros a matrícula íntegra dos 135 mellores expedientes de BAC, FP e grao do Campus de Lugo”.
“Pois ben. Candia mantivo totalmente paralizado este proxecto. Nin tan sequera lle fixo ningún tipo de promoción ou difusión. Polo tanto, hoxe aprobamos a súa resolución, sendo 14 os estudantes de Bacharelato e Formación Profesional os que resultaron beneficiados, cunha nota media é de entre 9,6 e 8,8 a máis baixa, e 10 os de grao, cunha nota media 9,2 e 7,5”.
“Tendo en conta que hai orzamento para un total de 135 becas, é dicir, para outras 111 bolsas, acordamos abrir a vindeira semana, unha vez que a convocatoria se publique no BOP, un novo prazo de solicitude. Será de 5 días hábiles, pois este orzamento ten que estar executado antes de rematar o ano. Ademais, aquelas persoas que fixeron a súa inscrición pero non entregaron toda a documentación ou o fixeron fóra de prazo, teñen tamén agora unha nova oportunidade para facelo”.
“O teu talento ten premio en Lugo” inclúe dúas medidas: 1.- premios para os mellores expedientes de BAC e FP que queiran cursar a súa titulación de Grao no Campus de Lugo, sufragando o custe íntegro da súa matricula. A vindeira semana ofreceranse unhas 70 becas. 2.- premios para os mellores expedientes que se gradúen no Campus de Lugo, sufragando a matrícula íntegra dunha titulación de Máster na USC en Lugo. A vindeira semana ofreceranse unhas 35 becas.
Sinalización das Reservas da Biosfera
Xunta de Goberno aprobou unha prorroga do convenio que da Deputación co organismo Parques Nacionais para poder executar as obras de dotación de sinais na Reserva da Biosfera dos Ancares, “outro dos proxectos que tamén mantivo paralizado Candia”. Precisamente, a sesión aprobou o último trámite legal para poder iniciar de xeito inmediato estas actuacións. Trátase do Plan de Seguridade e Saúde no Traballo. O proxecto contempla a instalación de sinais en Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá, concellos que integran esta Reserva, para indicar todas as localizacións etnográficas e paisaxísticas existentes nestes municipios.
Certame Otero Pedrayo
O voceiro provincial do BNG, Xosé Ferreiro, informou que o seu grupo levará ao vindeiro Pleno a convocatoria dos premios Otero Pedrayo. Trátase do certame co que se recoñece a labor de persoas, entidades ou corporacións que destacan na defensa da cultura galega. Está organizado por todas as Deputacións Galegas e a Xunta de Galicia máis, nesta ocasión, a de Lugo será a anfitrioa. O gañador dos Premios Otero Pedrayo recibirá un total de 16.000 euros. O xurado estará formado polos Presidentes das Deputacións e Conselleiro de Cultura, ou nas persoas nas que deleguen; un representante de cada unha das universidades galegas; un da academia galega; un do instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos; e tamén 5 persoas de contrastado prestixio cultural, que serán designados polas 4 Deputacións Galegas e Xunta. A de Lugo proporá a escritora Marica Campo.