A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, felicita ao músico viveirense Nicolás Gómez Naval polos magníficos resultados obtidos no Sétimo Concurso Internacional do Conservatorio de Moscú para artistas intérpretes ou executantes de Vento e Percusión, onde acadou cinco premios: primeiro Premio na Sección de Trompa, Mellor rendemento das pezas obrigatorias e tres premios Especiais.
Nicolás Gómez Naval, sobriño de Hernán Naval e membro dunha familia viveirense especialmente vinculada á música, comezou a súa formación musical aos oito anos, estudou no Conservatorio Profesional de Música de Viveiro e formou parte da Banda de Música Municipal do Concello de Viveiro. A pesar da súa xuventude, Nicolás Gómez Naval conta cunha traxectoria destacada e relevante, sendo, na actualidade, profesor da Orquestra Sinfónica de Galicia.
Por todo isto, por que o Concello de Viveiro se sinte profundamente honrado de contar con veciños que están a destacar profesionamente a nivel mundial, quero facerlle chegar a Nicolás a nosa máis sinceira noraboa.