O 25 de novembro celébrase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Por este motivo, o Concello de Viveiro organizou durante o mes de novembro as Xornadas en Contra da Violencia de Xénero, nas que se incluíron distintos actos dirixidos aos públicos infantil, xuvenil e adulto.
A programación referida incluíu actos simbólicos, como a gran pancarta que colga da fachada da Casa do Concello dende o 7 de novembro, co lema “contra as violencias machistas”, ou o panel instalado na sala multiusos da casa do concello, cun gran lazo de cor violeta, no que se poden escribir mensaxes de ánimo ás vítimas.
Incluíu, tamén, unha exposición titulada “Cartas de amor”, que estivo exposta na sala multiusos da Casa do Concello do 9 ao 16 de novembro e que incluíu un obradoiro para os alumnos de 2º de ESO, e un ciclo de cine titulado “Cine para a reflexión”, con distintas proxeccións en funcións da idade dos destinatarios. Os alumnos de ESO achegáronse ao Teatro Pastor Díaz o 13 de novembro para ver a a película “Sexting in suburbia” e, posteriormente, participar nunha charla-coloquio sobre os contidos da película coa colaboración da Policía Nacional, unha actriz da TVG, unha psicóloga, a asesora xurídica do CIM e representantes do alumnado. O turno do público adulto tivo lugar o 19 de novembro, ás 20.30 horas, coa proxección do filme La teta asustada e o debate posterior sobre os temas tratados. Os alumnos de infantil de todos os centros educativos público infantil achegarase ao teatro o vindeiro xoves, 26 de novembro, para a proxección de dúas curtametraxes de animación para educar en valores como a igualdade, a tolerancia e o respecto, entre outros moitos (estas proxeccións para o público infantil estaban programadas para o día 19 de novembro de 2015, sendo necesario pospoñelo por motivos alleos ao Concello).
Este mércores 25 de novembro, coincidindo coa celebración desta data, ás 20.30 horas, na sala multiusos da Casa do Concello, terá lugar un acto, contra as violencias machistas, que inclúe a lectura dun manifesto por parte da actriz galega Estívaliz Veiga e unha breve actuación musical. Para concluir estas xornadas, o lazo que estivo exposto durante este mes na sala multiusos, coas mensaxes de ánimo ás vítimas, será colgado do balcón da Casa do Concello.
Finalmente, dende o Concello de Viveiro queremos animar a todos e todas a participar neste último acto das xornada contra a violencia de xénero.