O grupo municipal do PSdeG- PSOE de Ribadeo ven de reunirse este domingo cunha das candidatas admitidas no proceso de selección da convocatoria de técnico de xestión.
“Recibimos unha chamada dunha das candidatas pedindo reunirse con nós ante a súa sospeita de irregularidades no proceso”, explica o voceiro socialista Roberto Ramos.
Nesa reunión a candidata expúxonos as súas dúbidas sobre a transparencia e legalidade no proceso de selección:
1. Comentounos que lle parecía “estraño” que a titulación que se esixía como mínimo para o posto, sendo esta de titulado grao medio ou tres anos de licenciatura, sen especificar especialidade, sendo bastante incongruente coas funcións que veñen definidas no posto que se convoca e nos temarios dos anexos.
2. Respecto á convocatoria para a primeira proba, primeiro cambiouse a data e, a tarde antes da proba, tamén se cambiou o lugar do exame, o cal pode explicar que só se presentaran á proba catro das quince persoas admitidas. Pensa que isto puido “excluír” a algún dos candidatos, xa que non se lles comunicou nominalmente.
3. Tamén lle chama a atención as funcións do posto, en especial o apartado “traballo de apoio á Alcaldía e Concelleiros-Delegados de secretaría particular”, e dálle a sensación de que a praza deseñouse especialmente para unha persoa en concreto.
4. Ademais, reclama que non lle parece honrado nin serio que o tribunal estea composto por persoas que foron compañeiros durante máis dunha década no Concello dunha das candidatas.
Posteriormente, os socialistas examinaron toda a documentación: bases que rexen a convocatoria, listas de admitidos, as convocatorias ás probas e resultados das mesmas “e confirmamos varios dos datos que nos transmitiron”. “E tamén puxemos o tema a disposición dos servizos xurídicos do PSdG PSOE para que comproben a legalidade do proceso”.
“Nós velaremos pola libre concurrencia, a transparencia e a igualdade de oportunidades para calquera persoa que queira optar a un emprego público que vai ser pagado cos cartos de todos os ribadenses, e para que estes cartos non se utilicen para repartir cargos e soldos entre o equipo de goberno (primeira medida tomada polo equipo de goberno nada máis asumir a alcaldía, incrementando este concepto en máis do 100% do gasto) e persoas afíns”, conclúe o voceiro do Grupo Municipal Socialista, Roberto Ramos.