Site icon Crónica3.com A Mariña

O Parlamento galego debaterá este martes a Iniciativa Lexislativa Popular sobre o dereito á contemplación da obra de Castelao polo pobo galego

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2015.- O Parlamento de Galiza acollerá este martes, arredor das 10.30, o debate para a admisión a trámite da ILP sobre o dereito á contemplación e ao coñecemento da obra de Castelao, que demanda o “acceso público e aberto a través da rede de Internet a toda a súa obra dixitalizada para coñecemento e uso de todo o pobo galego” das case 4.000 obras da súa autoría.

Desde a súa presentación pública entidades promotoras como Galiza Cultura, CIG-ensino, A Mesa pola Normalización Lingüística ou Asociación Socio-Pedagóxica Galegas desenvolveron actos por todo o país para buscar apoios e difundir o contido da ILP e, alén diso, a propia obra e figura de Castelao.

Polo momento, a ILP ten xa garantido o apoio dos grupos parlamentares de AGE, BNG, PSdG-PSOE e Mixto. Con todo Pilar García Negro, que representará no pleno á Comisión Promotora mostrou a súa confianza e que o apoio a esta ILP sexa unánime e que todos os deputados e deputadas se comporten como xente ilustrada e que fagan honra ao patriota, pensador e artista sen o cal ninguén estaría agora como representante no Parlamento galego”, dixo, destacando, neste caso que foi o propio Castelao o que “resgatou o Estatuto e conseguiu a súa tramitación parlamentaria e a aprobación nas Cortes”.

Exit mobile version