Site icon Crónica3.com A Mariña

O Observatorio da Mariña pola Igualdade lamenta a presenza da figura da raíña das festas nas diversas celebracións de todas as localidades mariñás

A Mariña, 29 de setembro de 2015.- En días pasados, unha peza publicada na prensa facía referencía a supostos tratamentos discriminatorios nas críticas vertidas as distintas localidades da Mariña que escollen raiña das festas nas suas celebracións

Por isto, o Observatorio da Mariña pola Igualdade quere manifestar que, ao igual que cos certames das raiñas de festas celebrados fai uns meses en Burela e en Lourenzá, está en contra de calquera acto deste tipo, sexa no concello que sexa.

O feito de que se escolla a figura dun rei das festas ao carón da figura da raiña, como foi no caso das patronais de Ribadeo este mes de setembro, non evita en absoluto o compoñente sexista discriminatorio deste tipo de actos. A paridade non consiste na extensión de prácticas aparentemente inofensivas ao xénero masculino xa que no fondo e nas formas, séguese a perpetuar unha visión cousificada das mulleres.

Este posicionamento do Observatorio está secundado por numerosas persoas da Mariña. A xente fainos chegar o seu rexeitamento a unha tradición que durante décadas convertiu ás mulleres en meros obxectos expostos ás miradas do público. Hai que ter en conta que os xestos, imaxes e rituais tamén alimentan esta orde cultural que tanto esforzo está a custar erosionar.

Por iso, instamos a todas as comisións de festas tanto nas edicións deste ano como dos anos vindeiros a que abandonen este tipo de convocatorias. Por outra banda, lembramos aos gobernos municipais que teñen a obriga, en coherencia cos plans de Igualdade que se teñen aprobado, de levar a cabo medidas encamiñadas a acadar a igualdade real entre xéneros. Deberían, por tanto, retirar públicamente o apoio que lexitima este tipo de actividades anacrónicas que representan actos de violencia simbólica e institucional contra as mulleres.

Exit mobile version