Site icon Crónica3.com A Mariña

O IADOVI consegue 4 podios no Trofeo San Froilán 2015

iadovi-sanfro15Finalizada a tempada de aire libre, o Trofeo San Froilán 2015 celebrado en Lugo este domingo 27 de setembro abre a temporada de tiro con arco en sala. Ata alí desprazouse o plantel do Club de Tiro con Arco IADOVI, formado por 10 arqueiros de distintas categorías (dúas máis que o ano pasado), pero idéntica modalidade de tiro con arco: o recurvo.

Tras finalizar a xornada non puido rematar mellor para a escadra mariñá que se fixo con 4 podios e unha mellora xeral das súas puntuacións medias.

Na categoría infantil competían, nunha categoría por enriba da súa, os alevíns Beatriz Botelho Melo e Ángel Galante Briones. A primeira conseguía a quinta posición na súa segunda tirada como infantil cunha puntuación de 411 puntos de 600 posibles batendo así o seu récord de 366 puntos conseguidos o ano pasado nesta competición.

Ángel Galante Briones subía ao chanzo máis alto do pódio sendo proclamado campión da categoría infantil ó conseguir os 513 puntos. Batía, do mesmo xeito que a súa compañeira, o seu récord persoal conseguido tamén o ano pasado no San Froilán onde situaba a súa marca nos 487 puntos na diana de infantil a 18 metros de distancia.

Na categoría novel para maiores de 14 anos estreábanse as nosas últimas incorporacións ao Club, David Pernas Basanta, José Antonio Rico Pernas e Lucas Rouco López.

O primeiro facíase co segundo posto ao conseguir os 528 puntos; mentres que José Antonio Rico Pernas, cos seus 504 puntos, ocupaba o terceiro posto seguido de preto por Lucas Rouco López que se facía co cuarto posto grazas aos 496 puntos.

Na categoría cadete masculino Francisco Botelho Melo obtiña a segunda praza con 440 puntos, batendo o seu récord persoal conseguido en Pontevedra no Trofeo de Nadal da Federación Galega de Tiro con Arco no que fixaría o seu teito nos 426 puntos.

Na categoría Sénior Dama, Ana María Briones Montes, finalizaba en quinto lugar con 426 puntos, moi lonxe da súa valía técnica.

Na categoría Sénior masculino competía Gabriel Galante Briones, aínda cadete, que lograba ocupar a sétima posición con 497 puntos. E, na oitava posición, remataba o seu pai Jorge Galante con 483 puntos e na décimo primeira, José Manuel García Cordido con 478 puntos.

O balance desta competición evidencia que “os cambios técnicos realizados durante o verán influenciaron polo momento de forma negativa en canto ás puntuacións para Gabriel, Ana e José Manuel; pero a bon seguro que segundo vaia avanzando a temporada de sala veremos mellorías de cara ós obxectivos persoais de cada un como o son o Campionato Galego de Sala e o Campionato de España en sala”.

Exit mobile version