Site icon Crónica3.com A Mariña

Ese banner molesto, esa cuña pesada…

Sí, todos pensámolo. Navegamos por internet e salta ese “pop up” que ademais tarda en cargar, e claro está nestes tempos de todo ao instante, semella unha eternidade.

Dende logo que a publicidade pode chegar a ser abusiva. Creo que hai decenios que non vexo unha película en A3 ou T5, pois cos bloques de 10, 15 ou máis minutos é imposible conservar o fío argumental da mesma.

Aí estamos todos dacordo, mais hai un espazo moi amplo entre o abuso e o financiamento dos medios.

Témonos acostumado demasiado axiña ao “todo por nada”, descarga de música, de películas, etc. As grandes cabeceiras xornalísticas están nun intre de dúbida e non saben que facer coas súas versións dixitais, xa que o consumo de información na rede medra ao ritmo que baixa a venta de exemplares nos quioscos.

Xornais dixitais que ofrecen completa información, actualizada para pc, móbil ou táblet. Nunca acceder a tanta e tan puntual información foi tan sinxelo, mais detrás dela están profesionais e empresas que desenrolan unha infraestrutura custosa para poder publicala.

É que dicir da radio, ese medio que leva anos e anos ofrecéndonos tanto a tan pouco prezo…

Deixando a un lado os medios públicos, cuxo financiamento ven dos nosos impostos e polo tanto xa non deberían competir co resto de medios, a viabilidade económica dos privados chega dos seus contratos publicitarios. Grandes anunciantes ou pequenos comercios locais, dependendo do ámbito do medio en cuestión, son o pan sagrado de webs, xornais, emisoras, etc.

Ninguén mellor que os que estamos detrás de medios entendemos o respecto que sentimos por ese pequeno negocio que fai un esforzo para saír na radio ou no xornal do seu pobo.

É máis, atrévome a dicir que a presenza publicitaria engade ademais credibilidade ao medio.

Anuncios que visten ese traballo de produción de información e que recompénsano en certo modo, entregándolle a confianza de posicionar o seu produto/negocio.

Pídolle humildemente que cando peche un banner do dixital ou troque de emisora cando estean a soar unhas cuñas, pense cal é o prezo que ten que pagar para ese servizo, e de paso faga unha reflexión de si vostede (carniceiro, carpinteiro, hostaleiro, etc) estaría disposto a facelo nos mesmos termos.

Félix Jorquera.

Exit mobile version